domingo, 26 de febrero de 2012

A VOLTAS COA TAZA CUNCA

Tradicionalmente a nosa xente empregou xerras e cuncas para beber o viño. A copa de cristal era un articulo de luxo que tardou en impoñerse entre nós. Aínda nos anos setenta os carteis das festas do viño empregaban como símbolo o recipiente tradicional. Porén, non hai dúbida que a copa de cristal ten varias avantaxes incuestionables por sobre da taza enxebre: entre outras, a transparencia permite apreciar mellor o matiz cromático do viño e a redución da apertura superior posibilita catar acaidamente o seu recendo. Teño por certo que a difusión da copa de cristal supuxo unha avance no desenvolvemento do padal colectivo, expresión inequívoca do progreso da enoloxía galega.
Agora ben, resultaría reducionista concibir esta modernización como un proceso antitético coa tradición enolóxica do país. Temos dúas culturas do viño: dunha parte, a moderna, da vinoteca, a adega industrial provista de depósitos de metal, a botella, copa e decantadora de vidro; e da outra, a tradicional, da taberna, a adega artesán dotada de cubas e pipotes de madeira, a xerra de barro e a cunca de porcelana. Esta última está en vías de extinción pero aínda resultaría posible preservar os seus elementos máis estimables, coas súas formas de sociabilidade asociadas, para gozar deles entre nós e mesmo tamén para poñelos en valor como recurso turístico, considerándoo como unha das facianas da cultura popular de Galicia. Neste senso, sería desexable que houbera unhas rutas do viño artesán artelladas coas xa existentes punteadas polas modernas bodegas.
Baixo este prisma, a cunca non se debera perder. Beber o viño nela ten unha graza distinta á de trasfegalo mediante a valéndose da copa. A súa presenza evoca un mundo tradicional de feiras, romaxes e convivencia achegada e cordial. Mal andaremos se esquecemos o noso xeito tradicional de vida, aínda que só sexa como motivo inspirador. E, que se lle vai facer, nós vimos da cunca e non da copa! Por algo escribía Cunqueiro: "Eu podía darlle unha volta ao país coa taza cunca do meu apelido na man". Malamente o podería facer cunha copa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario