miércoles, 24 de abril de 2013

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 1ª SESIÓN: MARUJA MALLO. EN VIGO

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA Mestura de Cultura e Lecer: Preténdese crear un espazo para a convivencia cordial. Un ámbito para a cultura galega e o goce dos nosos viños. 1ª SESIÓN: MARUJA MALLO Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Lugar: Cafetería LUCES DE BOHEMIA (Rúa Colón, 34. Vigo) Data: Xoves, 25 Abril, ás 20 horas. Adega invitada: Alan de Val (Denominación de Orixe Valdeorras) PRESENTACIÓN: A primeira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra da artista galega Maruja Mallo, caracterizada polo seu talante persoal innovador e a súa obra pictórica vangardista, en permanente evolución e constante procura de novas formas de expresión. Foi admirada por Ortega y Gasset, Gómez de la Serna, Lorca, André Bretón e Paul Éluard, e gozou dun amplo recoñecemento internacional, do que dá testemuña o feito de que a súa obra forme parte das coleccións dos museos máis emblemáticos. Poderemos tamén ollar como Vigo e o mundo do mar deixaron unha pegada indeleble nalgúns dos seus cadros máis fermosos e abordaranse, por suposto, sempre en referencia á obra plástica e á vida de Maruja Mallo, as cuestións relacionadas coa cultura do viño e a súa historia, ademais da temática gastronómica vinculada con ela. Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios do director das Xornadas, Xavier Castro, iranse entreverando coa degustación dos viños da bitola Alan de Val. É esta unha adega artesanal de A Rúa (Denominación de Orixe Valdeorras), acreditada con diversos galardóns e que condensa unha ampla tradición familiar de cultivo do terroir e amor ao viño ben elaborado. Son moi salientables, en aras da calidade, os seus Mencías, nomeadamente o Pedrazais Barrica e A Costiña-Brancellao, ámbolos dous envellecidos, e o Garnacha procedente de vellas cepas, e moi agasalleiro ao padal resulta tamén o branco Godello mozo. Serviranse tamén petiscos de queixo de Arzúa-Ulloa e friames de porco celta, apoiados en pan de Cea, que a todo isto dá dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, media hora antes da sesión (prezo: 9 €). Todo o cal estará entrefebrado coa intervención do adegueiro invitado e os comentarios e as preguntas dos asistentes e, así mesmo, con momentos de goce demorado do viño. Proxectaranse tamén documentais e haberá interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo coa artista que protagoniza esta sesión. Previsiblemente, algunha das cancións propiciará a práctica do canto coral por parte dos asistentes. (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario