lunes, 18 de abril de 2016

X. Castro: Xornadas de Cinema, Viño e Cultura.1ª Sesión: Bos Aires de Borges, Seoane, Castelao e Gardel. Filme: Fronteira Sur

Xornadas de Cinema, Viño e Cultura
1ª Sesión: Bos Aires de Borges, Seoane, Castelao e Gardel. Filme: Fronteira Sur

VIDE, VIDE!
UN ESPAZO ENOCULTURAL PARA O GOCE DO VIÑO
  

Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: Espazo enocultural Vide, Vide! (Rúa Fonte de Santo Domingo, nº 10. Baixo)
Data: Mércores, 20 de Abril, de 20’30 a 22’30 horas.
ADEGA: Terra de Asorei (O Salnés. D.O. Rías Baixas) 


PRESENTACIÓN
Na primeira sesión das Xornadas sobre Cinema, Viño e Cultura tentarase de  subliñar o elevado poder de evocación que ten un bo viño, posto que como apuntaba certeiramente Álvaro Cunqueiro, non se bebe para olvidar -como adoita rezar o tópico da desventura- senón para recordar. Para entregarse as lembranzas da propia vida, como facía o protagonista da novela Señas de identidade, de Juan Goytisolo, valéndose para tal mester dunha copa de albariño, ou ben para remontarse a épocas históricas pretéritas. Idéntico criterio sostiña o detective e refinado gourmet, Pepe Carbalho (inesquecible sosias de Vázquez Montalbán) para quen o razoable e cabal é beber para recordar e comer para olvidar. E haberá que lembrar a invocación de Borges expresada nun soneto consagrado ao viño: “Vino, enséñame el arte de ver mi propia historia / como si ésta ya fuera ceniza en la memoria.
Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta dos gustos predominantes en materia de viños e das claves esenciais dos creadores que se deron cita naquel Bos Aires da primeira metade do século XX, e haberanse de mesturar coas achegas do adegueiro de Terra de Asorei que presentará os excelentes viños que se terán de catar nesta ocasión, xa que o asisado neste evento é mollar cumpridamente a palabra. E, deste xeito, as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce destes reputados caldos, dotados de capacidade evocadora, combinado todo coa audición de pezas musicais arxentinas (ilustradas con vídeos) que contribuirán a perfilar a atmosfera e o ambiente cultural porteño naquela época. Teremos así a oportunidade de albiscar a proxección do mundo do viño nun filme de culto: Fronteira Sur (1998), dirixida por Fernando Herrera e interpretada por José Coronado, Maribel Verdú, Federico Luppi, Laura Novoa e Manuel Manquiña, que a rentes da novela testemuñal de Horacio Vázquez Rial relata a peripecia da emigración galega na cidade de Bos Aires. Nela, seguiremos os pasos, que non sempre se bifurcan, de Borges, Cortazar, Seoane, Castelao, Blanco Amor e Dieste, namentres entre grolo e grolo de viño as cancións de Gardel, Cafrune e Mercedes Sosa, compoñerán a banda sonora.
Poderemos apreciar nesta ocasión os gorentosos caldos da prestixiosa Adega Terra de Asorei, produto da comandita duns animosos colleiteiros da comarca do Salnés, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas. A empresa está radicada en San Martiño de Meis, capital do Albariño, e ten como nota distintiva o feito de dispoñer de viñedos cunha idade media superior aos 20 anos. Presentara dous albariños propios, de influencia atlántica, merecentes ambos os dous de notables recoñecementos e galardóns internacionais: Nai e Señora e Terra de Asorei. O primeiro concíbese como unha homenaxe á terra que da orixe ao albariño e así mesmo como símbolo da muller galega, a “Naiciña” do escultor Asorei, non poucas veces “viúva de vivo”, por ter ao seu home na emigración en América, e por extensión a Galicia como a ”nai e señora” cantada polos poetas. Polo demais, teremos de catar tamén o albariño Terra de Asorei, un viño de selección e querenza artística, elaborado sobre lías.
            Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán, queixo e friames galegos de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia vinoteca Vide, Vide. (Prezo: 12 euros)

LUGAR DE REALIZACIÓN:
Espazo enocultural Vide, Vide! (Rúa Fonte de Santo Domingo, nº 10. Baixo)

DATA:
-20 Abril, Mércores.

HORARIO: de 20’30 a 22’30 horas.

PREZO:
-12 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
-Pódese adquirir a entrada no espazo enocultural Vide, Vide! (Rúa Fonte de Santo Domingo, nº 10) preferentemente nos días previos, ou ben media hora antes da celebración da sesión.

Para máis información e reservas:
Espazo Enocultural Vide, Vide! (E-mail: info@videvide.net / Teléfonos: 981 582 911 / 606 558 640 / 676 467 805)
  
           
Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)

E-mail: f.x.cp@hotmail.com / Móbil: 609 653 228

No hay comentarios:

Publicar un comentario