Xornadas de Cinema, Viño e Cultura (SANTIAGO)
VIDE,
VIDE!
UN ESPAZO
ENOCULTURAL PARA O GOCE DO VIÑO
PROGRAMA
Xornadas de Cinema,
Viño e Cultura.
Un patchwork interdisciplinar entretecido
con fíos que levan a cor de cinema, historia, música, literatura, cultura do viño e
gastronomía, nun ambiente de interese polo saber, pracer e amenidade.
As Xornadas
de Cinema, Viño e Cultura terán lugar no Espazo enocultural Vide, Vide!, nos días
20 de Abril, 3, 18 e 25 de Maio (ás
20’30 h.). Levarase a cabo nelas un
achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos
criterios básicos da cata técnica e máis tamén ós propios da cultura popular do
viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce
hedonista do viño.
Os comentarios do condutor das Xornadas, o
profesor Xavier Castro, farán
referencia á temática que centre en particular o interese de cada unha das
sesións, abordando cuestións relacionadas coa cultura do viño e a temática
gastronómica vinculada con ela, e se intercalaran coas achegas de distinguidos adegueiros. Aléntase tamén a
participación dos asistentes que disporán de momentos de vagar dedicados ao
goce pracenteiro e ilustrado do viño, que, como é mester, servirase na compaña
dalgúns petiscos de pan artesán,
queixo, friames e outros produtos galegos de calidade. Haberá, así mesmo, interludios musicais nos que se escoitaran
pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que
garden algún tipo de vínculo coa cuestión que se aborda en cada sesión, tanto
fragmentos de óperas ou obras clásicas, como tamén jazz e música galega tradicional. Faranse tamén recitacións de
poemas e lecturas de textos en prosa e proxectaranse ademais fragmentos curtos
de filmes e documentais culturais. E preténdese que toda esta actividade
resulte amena e discorra nun ambiente de cordialidade.
A maior abundamento, caraterízanse estas Xornadas por teren unha orientación transversal que
pretende inserir a cultura do viño naqueles espazos metropolitanos de
referencia en etapas históricas particularmente remarcables, cos que nos
fixeron soñar o cinema, a literatura, a música e máis a arte. En cada sesión degustaranse viños de
excelente calidade elaborados por reputadas adegas galegas (... e ... e..), e poñerase de manifesto a proxección do mundo do viño en
películas de culto: Fronteira Sur, que a rentes da
novela testemuñal de Horacio Vázquez Rial relata a peripecia da emigración
galega na cidade de Bos Aires, na
que seguiremos os pasos, que non sempre se bifurcan, de Borges, Seoane,
Castelao e Gardel, namentres entre grolo e grolo de viño as cancións de Gardel
compoñen a banda sonora. Noutra sesión, faremos unha incursión na cidade de
Nova Iork -e nomeadamente no Greenwhich
Village- na axitada hora en que se deixou sentir o latexo da Xeración Beat. A
proxección dalgúns pasaxes do filme On
the Road axudarannos a
respirar a particular atmosfera punteada polo jazz que impregnou a inqueda vagabundaxe de Ginsberg e Kerouac na procura do dharma. Polo demais, viaxaremos a Lisboa, a ville blanche de Fernando Pessoa,
nunha época de desasosego, animados pola cálida compaña de Marcello Mastroianni
en Sostiene Pereira. Ao cabo, a terceira tenida destas Xornadas, está
dedicada a evocar o ambiente cultural de París na década de 1920. Como
lle acontece ao protagonista da película de Woody Allen Midnight in Paris, adentrarémonos no pasado da cidade luz,
considerada o epicentro das novas tendencias creativas. Achegarémonos así ao
friso composto polos literatos e artistas de vangarda que viviron nesta cidade.
Coñeceremos a súa procura de novos vieiros para a creación, que levaban a cabo
entre discusións nas tertulias dos cafés emprazados nos bulevares (non faltaría
quen se referise nalgunha delas á música de Cole Porter e as escandalosas
farras celebradas no seu apartamento parisino) namentres tomaban copas de
absenta, pastis ou de viño Burdeos. Entretanto, resoaban aquí tamén no ambiente
os electrizantes acordes dos novidosos ritmos jazzísticos.
O protagonismo do viño
nestas Xornadas ten tamén outra vertente.
Trátase de subliñar o elevado poder de evocación que ten un bo viño, posto que
como apuntaba certeiramente Álvaro Cunqueiro,
non se bebe para olvidar -como adoita rezar o tópico da desventura- senón para recordar. Para entregarse as lembranzas da propia vida, como
facía o protagonista da novela Señas de
identidade, de Juan Goytisolo, valéndose para tal mester dunha copa de
albariño, ou ben para remontarse a épocas históricas pretéritas. Idéntico
criterio sostiña o detective e refinado gourmet, Pepe Carbalho (inesquecible sosias de Vázquez Montalbán) para quen o razoable e cabal é beber para recordar e comer para olvidar.
E lembremos a invocación de Borges expresada nun soneto consagrado ao viño: “Vino, enséñame el arte de ver mi propia
historia / como si ésta ya fuera
ceniza en la memoria.
Así faremos neste
encontro cordial coa cultura e o lecer. Comprobaremos que unha copa de nobre viño nos beizos é quen de facer
agromar a faísca no cerebro, ese resorte capaz de espertar a memoria para percorrer
entre todos o camiño da evocación dun mundo que resultará de certo subxugante.
LUGAR DE REALIZACIÓN:
Espazo enocultural Vide, Vide! (Rúa Fonte de Santo
Domingo, nº 10. Baixo)
DATAS:
-20 Abril, Mércores: Bos Aires de
Borges, Seoane, Castelao e Gardel. Fronteira
Sur.
-3 Maio, Martes: Nova Iork (Greenwhich
Village) e a Xeración Beat: On the Road.
-18 Maio, Mércores: Lisboa a ville blanche e Fernando Pessoa.
Marcello Mastroianni: Sostiene Pereira.
-25 Maio, Mércores: París nos
Anos Vinte, era unha festa. Woody Allen: Midnight
in Paris.
HORARIO: de 20’30 a 22’30 horas.
PREZO:
-12 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
-Pódese adquirir a
entrada no espazo enocultural Vide,
Vide! (Rúa Fonte de Santo Domingo, nº 10) preferentemente nos días previos,
ou ben media hora antes da celebración da sesión. Para efectuar
reservas: Teléfono 986 136 580. E-mail info@videvide.net
Para máis información:
Espazo Enocultural
Vide, Vide! (para información e efectuar reservas: E-mail: info@videvide.net / Teléfonos: 981 582 911 / 606 558 640 / 676
467 805)
Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio
Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia),
A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales
(Trea) e A mesa e manteis (USC)
No hay comentarios:
Publicar un comentario