sábado, 23 de septiembre de 2017

XORNADAS DE CINEMA, VIÑO E CULTURA (VIGO). LISBOA e PESSOA. FILME: SOSTIENE PEREIRA


XORNADAS DE CINEMA, VIÑO E CULTURA (VIGO)

2ª SESIÓN: LISBOA, A VILLE BLANCHE. FERNANDO PESSOA. FILME: SOSTIENE PEREIRA

   
VIÑOTECA AVELEIRA
UN ÁMBITO PARA A CULTURA E O GOCE DO VIÑO
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: VIÑOTECA AVELEIRA (Rúa Abeleira Menéndez, 28, Baixo. 36202  Vigo. (Casco Vello de arriba).
Data: Mércores, 27 de Setembro, ás 20’30 horas.
Adega: ARCO DA VELLA (Beade. D.O. Ribeiro)
(Intervirá o adegueiro: Eladio Rodríguez)


PRESENTACIÓN

Poñerase de manifesto neste evento o elevado poder de evocación que ten un bo viño, posto que como apuntaba certeiramente Álvaro Cunqueiro, non se bebe para olvidar -como adoita rezar o tópico da desventura- senón para recordar. E haberá que lembrar a invocación de Borges expresada nun soneto consagrado ao viño: “Vino, enséñame el arte de ver mi propia historia / como si ésta ya fuera ceniza en la memoria”.
Deste xeito, na 2ª sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura, adentrarémonos no ambiente cultural da cidade de Lisboa, por cuxas rúas deambulaba Fernando Pessoa, como un dandi con aires de flâner baudelairiano recalando nos cafés da Baixa e o Chiado (en cuxos locais estivo tan presente a emigración galega), como A Brazileira, nunha época de desasosego como foi a primeira metade do século XX. Sentirémonos, sen dúbida, animados pola cálida compaña de Marcello Mastroianni no filme Sostiene Pereira (dirixida por Roberto Faenza, no ano 1996), cun guión baseado na novela dun grande amador de Lisboa: Antonio Tabucci. Seguiremos, así, o itinerario lisboeta marcado por Alain Tanner no filme Dans la Ville Blanche (1983) e non sería de estrañar que bateramos con algún dos heterónimos pessoanos convertido en personaxe, como lle aconteceu a Saramago con Ricardo Reis.
O fado de Amália Rodrigues e senlleiras cancións portuguesas, como a que marcou a revolución dos cravos, Grândola, Vila Morena, de José (Zeca) Afonso, proporcionarannos a atmosfera emotiva na que rebuliron nos anos trinta, o galeguista Ramón Martínez López, o polígrafo Gómez de la Serna, o xornalista Julio Camba e, tras do estalido da guerra civil, o filósofo José Ortega y Gasset.
Evocaremos as tabernas emprazadas nos cais da desembocadura do Tejo, onde se falou nun tempo de Teixeira de Pascoaes e a filosofía do saudosismo portugués, divulgada polo grupo Renascença na publicación bimensual A Águia, que Vicente Risco tivo por irmá da revista Nós. Os ecos desta teoría suscitaron o interese dun sector da intelectualidade galega, no que velaban armas Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, resoltos a indagar na esencia da identidade galega, expresada quer nun humor peculiar, ou quer nunha saudade característica, consideradas ámbalas dúas temáticas dende un prisma heideggeriano.
Deste xeito, os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta dos gustos predominantes en materia de viños e outras bebidas e das claves esenciais do devandito poeta. Como contrapunto, escoitaranse en boa hora as achegas do adegueiro ao fronte da Adega Arco da Vella, que elabora uns viños artesáns  de salientable calidade con uvas procedentes das propias cepas centenarias, situadas en Beade – Ribadavia (na Denominación de Orixe Ribeiro). Deste xeito, a familia de adegueiros que puxo en pé Arco da Vella ven practicando o amor polos viñedos dende hai varias xeracións, desterrando da súa práctica vitícola o emprego de productos herbicidas e pesticidas. Súmase a isto a concienzuda aplicación na elaboración dos seus viños, e así é como consegue obter uns productos naturais de singulares características organolécticas que polo recendo, cor e padal fan que, con todo merecemento, os podamos inxerir na mellor xinea dos grandes ribeiros tradicionais, que estes adegueiros foron quen de preservar tan cumpridamente. Presentará esta adega o tinto Tarabelo, de cor bermella de cereixa, redondo, largacío e de gorentoso recendo, e non faltará tampouco un branco de resonancias célticas, Torque do Castro, de cabal intensidade, pleno e de prolongado post gusto.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán con friames e queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na Viñoteca Aveleira. (Prezo: 13 euros)



LUGAR DE REALIZACIÓN
Viñoteca Aveleira (Rúa Abeleira Menéndez, 28, Baixo. 36202  Vigo. (Casco Vello de arriba).

DATA
Mércores, 27 de Setembro.

HORARIO
De 20’30 a 22’15 horas.

PREZO:
13 euros, con dereito a varios viños e petiscos de pans artesáns con friames e queixo galego de calidade.
-Aforo limitado. Imprescindible reservar: jcoow64@gmail.com / 601 08 01 21



Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
E-mail: f.x.cp@hotmail.com / Móbil: 609 653 228




No hay comentarios:

Publicar un comentario