lunes, 15 de junio de 2009

A Mesa dos Galegos na Gallaecia (I)


Nos asentamentos castrexos o proceso de romanización non supuxo en termos xerais unha mudanza na estrutura da cabana gandeira do pasado, agás nos núcleos habitacionais que xurdiron no Noroeste ao compás do proceso romanizador (urbes, vilas e campamentos). Nestas áreas si que tiveron lugar transformacións no que concerne a importancia relativa das distinas especies, predominando o vacún, en segundo termo os suidos e só nun terceiro posto se sitúa o gando lanar. Polo tanto, os asentamentos que se desenvolveron a partires da romanización pódese albiscar xa o perfil gandeiro da Galicia que temos por tradicional, integrado por vacas e porcos, seguidos polas ovellas e cabras. Este cambio talvez revela a aparición de novos gustos alimentarios que reflicten a chegada de novos grupos de poboación que introducen os seus hábitos particulares.
Existe asemade outro aspecto que pode revelar unha transformación dos gustos alimenticios: nos asentamentos de nova creación constátase o sacrificio de suidos inmaturos (leitóns) por parte dunha clase adiñeirada que puede permitirse o luxo de consumir exemplares aínda non rendibles. Pola contra, non parece que sacrificaran apenas tenreiros (hai proporcionalmente moitos menos restos que de porquiños), xa que isto tería representado un maior dispendio, posto que o vacún adulto fornece leite e ten como valor engadido unha importante capacidade de carga e transporte.
Reviste notable importancia a introducción que fixeron os romanos da galiña. En efecto, nos castros de Santa Tegra e no de Vigo, constátase a presenza do galo doméstico. Amén diso, entre as aves de curral había tamén gansos.
A actividade cinexética continúa como na etapa castrexa pero cunha importancia non tan relevante, na medida en que a agricultura resulta agora máis produtiva. Algunas formas de caza comezan a revestiren un carácter de prestixio, no que concerne nomeadamente aos ricos das vilas, o que denota a emerxencia de novos hábitos e gustos aportados pola romanización.
Os antigos romanos preparaban a carne embutida, e empregaban asemade outros procedementos de conservación (afumado, salgado).
Por certo que a romanización supuxo tamén a progresiva penetración da relixión cristiá, e con ela a imposición de penitencias, vixilias e xaxúns.
Noutra orde de cousas, a chegada do mundo romano supuxo o emprego xeneralizado de redes e o exercicio da pesca dende embarcacións. Isto trouxo consigo un aumento significativo da producción pesqueira que aparece asociada a un sistema comercial de exportación de peixes, tanto frescos como en conserva, mediante o secado e máis o salgado, pero tamén baixo a forma de produtos derivados da súa transformación: nomeadamente salsamentos de tipo ‘garum’.
O garum era considerado polos habitantes da antiga Roma como un alimento frodisíaco, soamente consumido polas capas altas da sociedade. Aínda que tivo o seu gran apoxeo no mundo romano, procede do ámbito grego do que toma o seu nome: ‘garos’ ou ‘garon’, polo nome do peixe do que se extraían os instestinos para a súa fabricación.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 12/06/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario