lunes, 29 de junio de 2009

A Mesa dos Galegos na Gallaecia (III)

A aplicación da técnica da salgadura na etapa galaico-romano supón o establecemento por primeira vez dunha industria de transformación dos produtos mariños. Xa que logo, isto representa un precedente do que co paso dos séculos sería unha vizosa e conspicua industria conserveira galega, que foi a principal de España. Os depósito salinos máis salientables estaban situados na ría de Arousa e na de Vigo. No que fai ás factorías de salgadura, existían en número importante ao longo da costa galega, dende Alcabre (Vigo) ata Viveiro, pasando por Vilagarcía e Bares, entre outras localidades. Trataban diversas especies de peixes pero con preferencia esturións e as diferentes clases de atúns. Sábese de certo que tamén facturaban sardiñas e xurelos. Este era o modus operandi das factorías romanas: o peixe era destripado e cortado en pedazos que se dispuñan a seguir en grandes cubas de morteiro, onde se mesturaban co sal. Cando xa os anacos estaban estaban ben macerados introducíanse nas ánforas que servían para a súa comercialización. Diversas manifestacións artísticas, como, entre outras, os mosaicos (salienta o de Batitales, en Lugo, no que aparecen anguías, rodaballos, lampreas e moluscos bivalvos), e asemade as pinturas testemuñan a importancia que tiveron na dieta os produtos mariños.
De moi distinta natureza era a concepción da agricultura vixente nas comunidades prerromanas en relación coa máis innovadora predicada polos agrónomos romanos. Os castrexos procuraban o descanso da terra para a recuperación da súa fertilidade. Pola contra, para os romanos era preciso remover a terra co arado (o arado romano!) e aireala ben para poñela axiña a producir. Isto supuxo unha explotación máis intensiva do agro, reforzada co aumento das roturacións e unha xa perceptible deforestación, aínda que compensada en parte pola expansión do castiñeiro. Ademais, o emprego abondoso de trebellos de ferro e dun instrumental especializado permitiu traballar vastas superficies. Deste xeito, obtívose unha considerable mellora da produtividade agrícola. Indubidablemente, o novo paradigma agronómica trouxo consigo un certo cambio na paisaxe agraria.
Poucas novidades houbo en materia de cultivos. Na Galicia romana non hai constancia do cultivo de lentellas nin tampouco de garavanzos. Si están documentadas, en cambio, as verzas. Almacenaban os cereais en depósitos subterráneos, emprazados polo regular en lugares que tiñan que reunir unha serie de requisitos que garantiran a súa axeitada conservación: que estiveran ben pechados, por suposto, e que ademais foran secos, escuros e fríos. Facían uso tamén dunhas instalacións de superficie denominadas horrea, construídas en madeira ou ben de pedra, material este último que cada vegada predominou máis. Parece que a súa estrutura eran moi semellante á dos que se teñen por característicos do país.
Bebían auga. Talvez consumisen algún viño, dacordo con Estrabón, pero máis ben pouco e posiblemente importado das rexións dos sur da Gallaecia durante a época prerromana, como poñen de manifesto as ánforas vinarias de procedencia meridional.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 26/06/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario