lunes, 19 de octubre de 2009

A Dieta Reciente dos Galegos

A Dieta Reciente dos Galegos
Poderíamonos cuestionar se resulta satisfactoria a dieta dos galegos nas últimas décadas, tras dos relevantes cambios que tiveron lugar. Dispoñemos xa dalgúns estudos realizados por especialistas en nutrición que nos ofrecen algunhas pautas indicativas a este respeito, que resultan ben reveladoras, por certo. Por vía de exemplo, Jiménez Contreras, Lendoiro Otero, García Falcó e Simal Gándara levaron a cabo hai algúns anos un estudo científico sobre seis localidades da provincia da Coruña; tres na costa: Carnota, Muxía e Camariñas, e as tres restantes no interior: Arzúa, Melide e o Pino.
Anticipemos que as doenzas cardiovasculares relacionadas co modelo dietético encontrado nestas poboacións obxecto de estudo aparecen como o problema primordial.
Constátase un baixo consumo en hidratos de carbono e noutros produtos de alto valor enerxético, nomeadamente no caso das mulleres de máis de cincuenta anos. Neste grupo de alimentos salientan pola súa importancia as patacas e o pan. As pastas e o arroz non son en cambio moi consumidos.
Pero non só o consumo de hidratos de carbono é relativamente baixo, en relación cunha dieta equilibrada; tamén o é o de verduras: en termos xerais, cómese unha cantidade apreciable de tomates, pementos e coliflor, seguido de leitugas e espárragos. E, nomeadamente, xántanse grelos (Brassica rapa), considerados como unha especialidade galega. Por certo que a inxesta de grelos e un 25% máis elevada no interior –onde se producen máis, con frecuencia para o autoconsumo- que nas localidades costeiras. De engádega, temos que a inxesta de verduras é ben máis alta (un 25 %) na primavera e no verán que no outono e no inverno.
Non hai moita afección a froita que digamos, en particular entre os varóns a partir dos vinte anos. Polo visto segue a ser considerada como un alimento máis ben axeitado para os nenos. A situación é por demais preocupante, xa que cando menos a metade dos homes non toma unha triste peza de froita endexamais. O que máis se toman son mazáns, peras e cítricos; e xa no verán, melocotóns e albaricoques.
Por certo que constitúe unha crenza moi espallada na nosa contorna de civilización que a manzán é un alimento san (grazas ao seu contido en fibra, que regula o tracto intestinal e activa os xugos gástricos). Un refrán moi popular en Gran Bretaña sinala que: "An apple a day, keeps the doctor away" (unha mazán ao día afasta ao médico de casa); ao que disque Churchill puntualizaba con ironía: "Sobre todo se se apunta ben…"
A maioría da xente toma menos produtos lácteos que os que resultan recomendables para o seguimento dunha dieta saudable e equilibrada. Nas localidades do interior consúmense apreciables racións de queixo, debido en parte a que dispoñen de factorías queixeiras, dende logo superiores aos niveis que se rexistran nas vilas costeiras, pero en cambio, nelas consúmese dabondo máis iogur.
En materia de proteinas, e nomeadamente de consumo de peixe, é claro que as diferencias son notorias entre o interior e a costa. Verémolo en detalle noutra entrega.

Un risco significativo da alimentación dos galegos nos tempos recentes é a proclividade a realizar un consumo francamente excesivo de proteínas. Pervive en gran medida a crenza tradicional de que non hai alimento como a carne. Numerosos refráns proclaman, en efecto, as excelencias da carne: "A carne pon carne e o viño pon sangue", "A carne carne cría", "A carne pon carne, o pan pon panza e o viño guía a danza", e tamén: "A carne vaise á carne". Semellaba, pois, incuestionable a súa bondade como nutrinte, pero opera ademais como axente terapéutico, na medida en que a boa mantenza conserva a boa saúde do individuo: "O mellor menciñeiro é o carniceiro". E aínda ten aplicacións específicas: "Carne de perna quita as engurras", e "A carne de pluma quita da cara as engurras", aplicándose aquí por analoxía o carácter etéreo e lixeiro das aves. Comendoa os homes pretendían captar a forza e o vigor dos animais.
Non ofrece ningunha sorpresa o feito de que a inxesta de peixe sexa considerablemente máis alta nas vilas da costa que nas do interior. Tampouco causa o menor abraio que se tome unha cantidade bastante superior de carne que de peixe no interior. Isto resulta moi doado de entender, pero o feito de que outro tanto aconteza na costa xa non entraba tan claramente nas nosas previsións. Ben a resultar que, curiosamente, tómase máis carne na costa que nas vilas do interior. Hai que considerar que no mundo mariñeiro sempre houbo un grande aprezo da carne, e unha certa minusvaloración do peixe no que concerne a súa virtualidade nutricional. O que non había antano eran posibles para catar a miudo a carne. Pero isto cambiou nas últimas décadas, e polo que se pode ollar as xentes do litoral non perderon o tempo. Por certo que o peixe máis consumido é o branco.
Paga a pena salientar a existencia dunha diferencia de xénero: os homes comen aproximadamente unha cantidade similar de porco e de vacún, namentras que as mulleres prefiren a carne de vacún, e de feito a xantan máis. Isto non resulta demasiado sorprendente, posto que as ensullas derivadas do porcino sempre semellaraon particularmente axeitadas para a condición viril e rexa; tiveron, polo tanto, unha marca de xénero masculino, en tanto que o bistecillo de tenreira decote semellou moi aquelado para o supostamente “delicado” e “fino” sexo feminino.
Os nutricionistas fan unha precisión que resulta curiosa: a carne de vacún comese máis na primavera e no verán, en tanto que a de porco prefírese no outono e no inverno.
Polo demais, rexístrase un escaso emprego da manteita e a margarina. -Para fritir recórrese ao aceite de oliva e tamén ao de xirasol. Na costa, ámbolos dous aceites consómense dun xeito bastante parello; nas vilas do interior, pola contra, óptase en maior medida polo de oliva. Ao cabo, reviste un grande papel a graxa de porco, nomeadamente no tempo de inverno e de xeito sobranceiro nas vilas do interior. De feito, nelas o consumo é un cincuenta por cento máis elevado que na costa. Os homes tómano en maior medida que as mulleres: ata dúas veces e media máis.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, en dúas entregas: 02/10/2009 e 09/10/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada