martes, 22 de septiembre de 2009

A Bota de Viño

Andaba en beizos da xente un refrán que constituía todo un aviso para camiñantes: “Non collas sen bota o camiño e, cando a leves, lévaa con viño”. En efecto, a bota era o viático máis axeitado e práctico para portar a provisión de bebida e servirse dela cando se ía de camiño. Permitía gardar o viño e facer un uso directo, regulado e hixiénico do mesmo sen necesidade de recurrir a ningún outro adminículo. Por tal motivo, foi dende sempre un instrumento moi apreciado: segundo J. Vielliard, botas de viño vendíanselles en Santiago, no século XIV, tanto aos peregrinos como a quenqueira que pagase uns diñeiros por elas. Converteuse tamén en indefectible compañeira de viaxe de muleteiros, arrieiros e carreteiros. Así foi como “a bota carreteira”, como a alcumou Cabanillas, non deixou de ollarse polos asendeirados camiños dantano. O cancioneiro popular vencella estreitamente a bota coa esforzada profesión do arriero, que adoitaba poñer bo coidado en levala ben chea: “O primeiro amor que eu teña / ha de ser un arrieiro / que non ten bota sin viño / nin ten bulsa sin diñeiro”. Foi tamén a ‘borracha’ compañeira fiel dos restantes oficios da ambulancia, na que, por dereito propio, inclúense paragueiros, afiadores, e variada ‘corte dos milagres’. Na época das dilixencias era praticamente unha obriga de todo viaxeiro ofrecer a súa bota ós cocheiros, que polo regular empinaban o cóbado con prodigalidade. E por mor disto porducíanse as veces accidentes.
Agora ben, a bota era un recipiente popular por excelencia. Distaba de estar ben visto que a xente de moito ‘ringorrango’ fixese uso dela. Polo menos non un uso directo. Non digamos xa se trataba de mulleres de postín: Resulta difícil de imaxinar asisadamente á condesa de Pardo Bazán no transo de botar a cabeza cara atrás para trasfegar un bo grolo dunha bota. Acontecía, en efecto que a fidalguía, por vía de exemplo, tal como a plasma Valle-Inclán, non bebía directamente pola bota. Na “Sonata de Otoño” ollamos ó Marqués de Bradomín que, indo de viaxe en mula na compaña do seu mordomo, facía que este levase nas alforxas unha bota chea de viño tinto e un vaso de prata, “uno de esos pequeños vasos de plata que nuestras abuelas mandaban labrar con soles del Perú, un vaso por cada sol”. Deste xeito, o fidalgo bebía polo vaso sobre o que o seu criado vertía o viño da bota.
A bota era tamén para o labrego un xeito de aforrar. Cando quería beber polo camiño non tiña que facer gasto de viño parando nunha taberna. Do mesmo xeito, cando participaba nunha romaxe ou nunha feira con toda a familia, bebía o viño de seu, co que deixaba de gastar bos cartiños e ademais librábase de ter que abrirse paso e agardar quenda entre os que se amoreaban arredor da pipa montada moitas veces sobre un carro de bois. Permítenos colixir tales usanzas unha estampa social da autoría de F. Portela Pérez: Notas descriutivas sobre as romarías en Galicia, pergueñada no ano 1896: “Os que o fán na carballeira, desfrutan do máis alegría: a xarra vidrada ou a cunca de tosco barro cheas d’o viño agre d’abondo, pro saniño, que venden d’unha pipa qu’hai n-un carro, ou a bota d’o Riveiro, corren â roda, y-as xentes van quecendo”.
(Publicado en Galicia Hoxe, 18/09/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario