lunes, 9 de noviembre de 2009

Comer Como un Frade

Considérase que a alimentación nos mosteiros atíñase a unha “escueta dieta de salubridad mediterránea”. Refire o estudoso José Miguel Andrade que o núcleo central viña dado polo o binomio pan-viño, ao que os monxes engadían sobre todo hortalizas, verduras e legumes, todo isto cocido, e ademais ovos, lacticinios, algunha carne e amén disto froita. O calendario litúrxico condicionaba fondamente a dieta monástica; nomeadamente o alto número de días de xaxún que, cando menos en teoría, eran máis estritamente observados nas comunidades cenobíticas que no resto da sociedade, impuña un certo alixeiramento da dieta cotiá e o recurso ao peixe como alternativa “fría” ao supostamente pernicioso consumo de carne.
Agora ben, este marco alimentario non era permanente, nin universal. De cando en vez, e sempre a discreción do abade, a comunidade podía gozar dalgun xantar extraordinario. O calendario laboral, o clima, ou algunha festividade, podían ser a causa desta excepción. Ademais, non todos o habitantes do mosteiro habían para comer o mesmo. Todas as regras fan consideracións especiais ao referirse á alimentación dos enfermos e os vellos. Estes disporían dunhas comidas un pouco máis enxullosas e cunha maior presenza de carne. Igualmente distinta era a comida dada aos hóspedes e peregrinos que, de paso, acollíanse á hospitalidade monástica. Porén, a pesar de tratarse do marco normativo sobre o que debería desenvolverse a vida claustral e os hábitos alimentarios en particular, as regras monásticas non foron sempre seguidas ao pé da letra. Por un motivo sobranceiro: a deriva señorializante da maior parte dos cenobios, tendencia que foi afastándoos do seu ideal ascético alimentario. Constitúe un feito palmario que para un amplo sector da sociedade a alimentación dispensada nos mosteiros foi algo cobizado. Aínda que –en teoría- escasa en carne, alimento conspicuo no imaxinario alimentario medieval, era rica no mellor dos pans (o de trigo) e case con seguridade moito máis variada que a dieta da xente común. Para rematar, os monxes, rendistas e señores de terras, tiñan a súa dieta asegurada, algo que distaba de ser predicable para a gran maioría da poboación. Sen dúbida, a incerteza da vida, era daquela o signo que presidía a existencia dos máis.Como sinala Andrade, por estas razóns e polo propio enriquecemento posterior da dieta monástica, esta acabou por converterse nun aceno de identidade do poder e do status monástico. Deste xeito, temos que, entre os séculos X e XIII, non foi nada insólito que houbese persoas que, por razóns de idade, enfermidade, ou simple vontade, decidisen retirarse a un mosteiro para pasar o resto da súa vida. E resulta neste sentido resulta significativo que unha das peticións que se incluían nos documentos referentes a solicitude de hospitalitas monástica, fora a de recibir os mesmos alimentos que os integrantes da comunidade. Así, en 1243, temos que Domingo Pérez entrega a metade da súa herdade a Toxosoutos, a cambio de que a comunidade aténdao a el e ao seu fillo mentres que sexa pequeno. E solicita concretamente o seguinte: “faciatis a mihi in vita mea de vestire et de comer quomodo ad uno confesso”. É dicir, que quería, como todos, comer como un frade.
(Publicado en Galicia Hoxe, 06/11/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario