lunes, 23 de noviembre de 2009

Xantares no Camiño de Santiago / Yantares en el Camino de Santiago

Xantares no Camiño de Santiago / Yantares en el Camino de Santiago.

Os camiños xacobeos constituíron a primeira plasmación histórica dunha encrucillada culinaria multicultural e cosmopolita. Os pelegríns practicaban un tipo de alimentación de mercado: tiñan que adquirir en cada praza os alimentos que, polo regular, preparaban eles mesmos nos mesóns que so lles procuraban leña e sal, xa que daquela estes establecementos non adoitaban ofrecer servicio de restauración. Nalgunha parada feliz catarían unhas vieiras, aproveitando a cuncha para poñer no sombreiro a guisa de símbolo de identidade xacobea, talvez unha galiña asada, como a que en Santo Domingo da Calzada cantou despois de asada, e se cadra un prato de pisto ou de lamprea á bordelesa.
O queixo figura entre os alimentos apropiados para os camiñantes, que podían adquirir no Cebreiro, porta de entrada do camiño en Galicia, para facer compaña no morral ao pan de centeo ou millo, máis ben que de trigo, e ao compango de friames, en boa irmandade co cabazo de viño. Mais enchentas, as xustas, pois a experiencia da peregrinación posuía unha impronta nidiamente relixiosa e penitencial, na procura dos perdóns e indulxencias que concedía a graza do xubileu, aínda que quizais nesa hora venturosa lles parecería excusable entregarse a algún festexo gastronómico á guisa de celebración En calquera caso, ao chegar a Santiago, verdadeiro Babel de linguas e padais, os peregríns repuñan forzas tomando nas tabernas unhas cuncas do viño do Ribeiro, o ‘Pretiosus Baccus’ que entraba na vila polo arco de Mazarelos.
Non admite dúbida que a caridade desempeñaba o papel fundamental no sustento daqueles que emprendían o Camiño. A axuda xeral, que incluía a hospitalidade, entendíase como un corolario da piedade evanxélica ínsita na relixiosidade cristiá. Artellouse deste xeito unha rede asistencia permanente composta por diversas insititucións creadas ‘ad hoc’. Clero secular, frades, reis, nobres e cabaleiros de diversas ordes participaron desta actitude caritativa que se propagou tamén entre a xente do común. O viaxeiro que percorría o roteiro de piedade e oración que era o camiño xacobeo debía ser tratado por todos eles con caridade cristiá, coma se fose Xesucristo en persoa, a quen de feito se lle representa como peregrino en diversas obras artísticas, como no admirado relevo románico do claustro de Silos.
Polo demais, non debía resultar moi doado para os frades discernir os pelgríns auténticos dos pícaros que simulaban selo para ter acceso a gallofa ofrecida pola Igrexa. Varios diarios dos séculos XVII e XVIII mencionan o “apicaramiento” nesta época de moitos pelegríns xacobeos, reales ou sopostos. Este fenómeno non se daba tanto no Medievo, ou cando menos sinalábase bastante menos entón. De feito, a guía para pelegríns do Códice Calixtino e algúns antigos ‘Fueros’ aluden ao fenómeno contrario: a explotación á que algúns desalmadados –entre eles, determinados pousadeiros- sometían aos peregríns.
Os camiñantes próceres, non hai dúbida que tiñan as súas avantaxes: o bispo de Compostela obsequiou a Ilsung con seis pares de faisáns e de capóns.
(Publicado en Galicia Hoxe, 20/11/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada