viernes, 22 de enero de 2010

A Xente de Bronce (I)

Na centuria decimonónica denominábase “xente de bronce” ao conxunto das persoas pertencentes aos sectores populares, por contraste coa xente distinguida, conformada –soi-disant– por máis nobre metal. Pasaremos a considerar algunhas das características peculiares da alimentación dos traballadores das cidades e vilas, que antano gastaban blusa e máis recientemente bata ou ben mono. Un testemuño decimonónico ofrece algunhas pistas sobre o abano de situacións vividas entón polo mundo do traballo. Refería que en termos xerais, “La condición de la clase obrera no puede calificarse de buena, pocas veces de mediana, y casi siempre de mala”. En calquera caso, a penuria alimentaria marcaba a existencia da maioría dos traballadores. Deste xeito, recoñecíase en 1884 a dificultade do obreiro para “proveer á su alimentación y á la de su familia”. Os baixos xornais que percibían obrigábanos a levar unha vida moi modesta e por demais sobria. Para paliar a súa situación, sempre que lles era posible procuraban facer horas extras ou practicar algunha forma de pluriemprego, pero como sinalaban, no ano 1910, os doctores Pastor Taladrid Pedreira e Manuel Leiras Pulpeiro (poeta ademais) “la sobra de trabajo” unido a la escasez de alimentos e máis os desacougos de toda sorte que padecían constituían un importante factor patóxeno e mesmo de mortalidade. De feito, as racións consumidas por adulto e día, a dieta habitual de moitos aprendices, artesáns e operarios era tan mingoada, e tiña tantas carencias, que situaba ao operario no “borde mismo de la subsistencia”. As veces, as familias traballadoras pasaban fame, pero aínda peor era a malnutrición que padecían, que era practicamente crónica. Conseguintemente, non é de estrañar que o gran andazo da época, a tuberculose –outra maneira de designar a fame- fixera estragos no seo delas.
A preocupación pola mera supervivencia consumía a maior parte das enerxías do mundo popular urbano. O capítulo alimentario acaparaba a maior partida presupostaria dos operarios, diríamos, que unha partida francamente excesiva: arredor do 90 %. Pouco lles quedaba para poder atender as necesidades de vivenda, indumentaria, educación e ocio. Non ten, así, nada de particular que se visen obrigados a cubrirse cunha roupa raída e mendada que indefectiblemente se reciclaba –mediantes as artes de costureira das nais- de pais a fillos, e descendendo logo na escala dos irmáns máis vellos ata os máis novos.
As antigas fotografías dos proletarios das urbes galegas dan boa conta disto e adoitan mostrar tamén o aire desgalichado que tiñan, e o seu aspecto depauperado, patente na deligadez física, por veces extrema, e nas súas facianas enxoitas. A situación non semella que diferira gran cousa do que acontecía en Madrid, na década de 1830, cidade que, por certo, lle parecía a un personaxe de Pío Baroja, un barrio pobre de París. “¡Y la gente! ¿Qué mal aspecto! ¿Qué aire de miseria, de mala alimentación!”. Convén precisar que, a pesares diso, a Baroja se lle antollaba que aquel Madrid de entón tiña moito engado; e así o pon de manifesto con moita brillantez nas súas memorias.
(Publicado en Galicia Hoxe, 22/01/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario