domingo, 31 de enero de 2010

A Xente de Bonce (II)

Os patróns da dieta popular urbana non diferían substancialmente da campesiña. Lóxicamente había algunhas notas discordantes, e quizais a maior de todas sexa o modo no que cada un destes sectores obtiña o seu substento: namentres que os operarios víanse obrigados a adquirir os alimentos no mercado, os campesiños practicaban en boa medida unha agricultura de subsistencia que lles permitía autoconsumir unha porción conspicua dos produtos cultivados por eles mesmos. Esta dependencia constante do mercado e das alzas dos prezos dos artículos de primeira necesidade indudablemente condicionaban, e frecuentemente minaban, a capacidade de compra dos asalariados e dos restantes consumidores modestos. A temida “carestía da vida” foi un feito que se producíu en múltiples conxunturas económicas adversas e tivo un impacto sensiblemente maior nos medios populares urbanos que no mundo da aldea, ao constituír esta un universo máis autosuficiente e autonomo, como xa dexiamos dito. Hai que sinalar tamén que as familias proletarias dependían dos abastos de menor prezo, e por conseguinte de inferior calidade e escasas garantías hixiénicas e de conservación. Isto representaba un problema serio xa que non eran poucos os alimentos perecedoiros, que se vendían como frescos pero en realidade estaban pasados; tamén os produtos conservados en salgado ou polo procedemento do secado, etc. que se saldaban a baixo prezo se encontraban non poucas veces nun deficiente estado de conservación, ou ben tiñan aloxados parásitos (o que adoitaba acontecer coa triquina que afectaba á carne de porco); ademais, as latas de conserva carecían de indicación de caducidade. Outrosí, podía acontecer que os víveres estiveran falsificados ou adulterados, como pasaba por veces co pan. No mellor dos casos, augábase o viño e o leite (a este produto botábaselle tamén orina), e no pior engadíaselles substancias nocivas ou mesmo tóxicas (o viño adulterábano con yeso e produtos que contiñan arsénico, como a fucsina e a rosalina). A todo isto, os hixienistas, veterinarios e inspectores médicos dos laboratorios municipais pouco podían facer para garantir a seguranza alimentaria. Nin siquera foron quen de inspeccionar acaídamente as numerosas fontes públicas e pozos de auga dos particulares que en moitos casos estaban afectados polo lixo e pola contaminación provocada polas bacterias coliformes derivadas dos verquidos das augas fecais. As familias pertencentes aos medios populares das cidades, en calidade de consumidores pobres tiñan moi poucas alternativas, polo que adoitaban verse na obriga de aceptar os xéneros de peor cariz. E ao estaren moitas veces os seus integrantes afectados pola malnutrición, eran ben máis vulnerables a toda clase de riscos patóxenos derivados da inxesta de alimentos degradados, escasamente nutritivos e mesmo por veces tóxicos. Estaban, digo, bastante máis expostos que as persoas pertencentes á clase media, á burguesía, á fidalguía e mesmo tamén ao campesiñado, xa que, ao fin e ao cabo, os labregos dispuñan de produtos de confianza, autoproducidos ‘na casa’.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 29/01/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario