viernes, 5 de febrero de 2010

A Xente de Bronce (III)

A vida do traballador desenvolvíase nun marco de escaseza e inseguridade alimentaria. A isto sumábanse as malas condicións de habitabilidade que reunían as súas vivendas, húmidas, frías, con pouca luz, e insalubres en termos xerais. E aínda hai que engadir o hacinamento que padecían (as veces toda a familia obreira compartía un só habitáculo). Isto explica que as persoas pertencentes á clase obreira tivesen obviamente unha calidade de vida francamente baixa, pero mesmo tamén unha esperanza de vida menor que as que formaban parte das clases acomodadas.
Agora ben, tampouco resulta cabal ofrecer unha estampa miserabilista sen matices das condicións de existencia e alimentación que tiveron vixencia na época do desenvolvemento fabril do século XIX e proseguiron ata 1960 nos medios populares urbanos. Podemos sinalar que existiron algúns “factores correctivos” a modo de paliativos da situación de penuria, por veces verdadeiramente lastimeira.
Unha primeira salvidade vén dada polo feito de que obviamente non todos os traballadores coñeceron unha sorte idéntica. De feito, existían diferencías entre os operarios cualificados e os que carecían dun axeitado adestramento profesional. Había tamén determinados sectores produtivos nos que as condicións laborais e retributivas eran sensiblemente mellores que nalgúns outros. Por vía de exemplo, na Coruña, en 1884, semellaba “pasadera” a situación dos operarios do gremio da alfarería, que se podían beneficiar da “abundante y confortable” alimentación que existía nas localidades da provincia na que estaban instalados os obradoiros.
Ítem máis: os obreiros disfrutaban dunha pequena oportunidade de estirar o magro xornal na hora da compra. Consistía posibilidade que tiña a muller do eperario de realizar a compra na praza a última hora, cando as vendedoras tiñan que saldar por moi pouco prezo os seus produtos perecedeiros. Deste xeito, tras un duro releo, as amas de casa conseguían así abaratar a mantenza dos seus. E, dende logo, tiñan que fuxir como do demo das numerosas revendedoras que adquirían a mercadoría a primeira hora da mañá, e logo íana ofrencendo polas casas, ou pululando polas rúas e prazas nas que por veces instalaban postos provisorios. Polo demais, as criadas das señoras podían despreocuparse do problema de que a vendedora, que lle chegaba pola porta de servicio da casa, ou ben na tenda ou na praza, podería estarlle ofrecendo un produto encarecido, posto que disparaban con polvora do rei. Pola contra, as mulleres traballadoras non podían permitirse ese luxo, discriminaban ben as vendedoras honestas das aproveitadas ou estafadoras, e escatimaban o gasto canto podían.
Polo demais, pódese salientar a importancia que tiveron na dieta popular determinados “factores complementarios” de que dispuxo un segmento, imposible de cuantificar pero dende logo moi significactivo, da clase obreira. En efecto, na maioría do barrios populares das cidades e vilas de Galicia, numerosas vivendas posuían un pequeno patio trasero provisto de horta, as veces algún froital, un galiñeiro e, nalgunhas ocasións tamén unha coelleira e un cortelliño para o porco.
(Publicado en Galicia Hoxe, 05/02/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario