miércoles, 19 de mayo de 2010

Atribulada Historia da Pataca (I)

Autores como César Aguilera sinalan que xeralmente se estima que a pataca entrou en España por Galicia. Tal é a tese forxada por Antonio Meijide Pardo a partir de diversos testemuños históricos. Nas Memorias del Arzobispado de Santiago, de Jerónimo del Hoyo, indícase que en Herbón alomenos plantáronse patacas xa no século XVI.

En 1799, a produción de patacas en Galicia non cubría o seu nivel de consumo, polo que se fixo necesario recorrer á importación que se efectuou polo porto da Coruña. Houbo que agardar ata ben entrado o século XIX para que Galicia comezara a converterse nunha zona de gran produción, o que resultou posible por dispoñer dun chan axeitado e unha condicións climatolóxicas idóneas para o desenvolvemento deste plantío. Porén, ata a década de 1920 non se conseguiu obter unha produción de tubérculos que sobordara o nivel de consumo propio, dispoñendo entón dun excedente para exportar cara outras comunidades autonómicas de España.

Do apuntamento devandito xa se pode inferir que o que dificultou a expansión do cultivo da pataca en Galicia non foron tanto os atrancos materiais e obxectivos, canto os de índole subxectiva, ancorados no terreo das mentalidades colectivas.

Salientan os historiadores o apego do campesiñado galego aos valores tradicionais e o seu marcado conservadorismo no que atinxe ás súas pautas de consumo. Agora ben, no eido da alimentación, é posible soster que as súas resistencias culturais fronte ás mudanzas só en parte foron debidas á súa adhesión a inveterados prexuízos, xa que tamén houbo algúns outros factores causais que tiveron asemade unha relevante cota de responsabilidade neste senso. O que ostenta a primacía de todos eles foi a feble capacidade adquisitiva da maioría do campesiño, que lle impediu incorporar axiña a súa dieta determinados produtos novidosos.

Porén, o mundo da aldea foi paulatinamente modificando a súa escala de valores e as súa actitudes verbo das innovacións. E tamén as condicións obxectivas fóronse transformando. Tales mudanzas tiveron lugar no transcurso do século XVIII, co progreso da monetarización da economía labrega que se produciu mercé á proliferación de feiras e mercados polo territorio galego. Deste xeito, o mundo rural foise abrindo paseniñamente aos novos produtos e mesmo modas que afectaron ás condicións xerais de vida e, de xeito particular, ao consumo alimentario dunha porción significativa da poboación.

Polo demais, non hai dúbida que a fame contribuíu á difusión da pataca, do mesmo xeito que a propagación da pataca a axudou a erradicar a fame. En efecto, as fames episódicas que afectaron aos labradores foron en moitos casos o factor decisivo que animou aos máis remisos a probar o novo froito da terra. E, unha vegada cultivados, os tubérculos coadxuvaron a desterrar as fames.

No século XVIII, a pataca comezou a revestir certa importancia en determinadas localidades, pero non foi senón no XIX, nomeadamente na segunda metade, cando pasou a desempeñar un rol esencial na dieta xeral dos galegos. Porén, constátase a este respecto un decalage na cronoloxía entre a Galicia interior e a da costa.

(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 15/05/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada