sábado, 8 de mayo de 2010

Xente Lanzal

Nun estudo de Rafael Tojo, que emprega datos de antropometría militar que alcanzan ata a década de 1990, indícase que tanto en Europa como en USA, nos último cen anos, a talla dos recrutas aumentou entre 10 e 15 centímetros. Isto supuxo para a poboación nova masculina -nas mulleres rexistrouse unha evolución parecida- pasar de 160-165 cm. a 175-180 cm. No que concierne a España, o proceso de aumento da talla atívose a un parámetro semellante, aínda que con modulaciones específicas derivadas das súas particulares circunstancias. Dexergado dun xeito global, o incremento da talla dos recrutas españois no período comprendido entre 1902-1992 foi intenso: produciuse un aumento de 11.4 cm. en 90 anos, pasando de 163 e medio cm. a unha talla de 175 cm. A etapa de maior avance tivo lugar entre 1967 e 1992, en que a estatura incrementouse en 6.9 cm., pasando de 168 cm. a 175 cm. Polo demais, do mesmo xeito que aconteceu nos restantes países europeos, esta progresión produciuse de xeito desigual, advertíndose primeiramente os seus efectos nas comunidades autónomas mais desenvolvidas: Cataluña e o País Vasco. O avance nas máis deprimidas -e entre elas Galicia-, tivo lugar máis tarde.

En Galicia, o período de maior intensificación do aumento da talla da poboación coincidiu precisamente coa etapa de maior crecemento económico, que se rexistrou nas décadas de 1970-1990. No período anterior o incremento da estatura produciuse dun modo máis retardado.

Este aumento da talla beneficiou máis aos grupos sociais urbanos que aos rurais, e foron os sectores economicamente máis boiantes (das cidades) quen experimentaron con máis antelación e maior amplitude tal melloría. De todos os xeitos, constátase unha tendencia á homoxeneización positiva de todo o conxunto da poboación, de tal modo que as diferenzas de estatura entre ricos e pobres, cidadáns e aldeáns eran menores na década de 1990, que na de 1950. E este fenómeno igualatorio no que concierne á talla, que aconteceu de igual modo -e xeralmente antes-, nos países da nosa contorna, non fixo máis que prolongarse nas dúas últimas décadas.

Polo tanto, antes os pobres eran máis delgados e tamén máis baixos que os ricos.

Examinemos a cuestión con algún detemento. Nunha investigación levada a cabo por Rafael Tojo e a súa equipa ponse de manifesto que en Galicia se pode establecer un primeiro período, que abarca desde 1930 a 1960, no que o incremento da talla dos recrutas foi moi escaso, pasando de 164 a 165 cm. Un factor decisivo neste moderadísimo crecemento foi a guerra civil e os anos de penuría extrema da posguerra, que motivaron que entre 1935 e 1945 non se producise cambio ningún na talla. A cuestión mudou significativamente na fase 1960-1990, na que a estatura medrou en 8 cm., de xeito que os quintos pasan de medir 165 cm. a 173 cm. Esta melloría acelerouse singularmente na etapa 1970-1990, e aínda continuou despois o avance, de tal modo que en 1992 os mozos recrutas alcanzaron os 174 cm .

Dito doutro xeito, en 40 anos a altura dos adolescentes de 18 anos medrou de 167 a 175. Xa na infancia advírtese este fenómeno, en Galicia: un neno de 8 anos en 1992 era bastante máis alto que un de 10 anos en 1955. A xente en Galicia foise facendo máis lanzal. E mellor mantida.

(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 07/05/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario