domingo, 2 de mayo de 2010

Xantares e Corpos

Durante os dezaoito primeiros séculos da nosa Era a talla dos habitantes de Europa semella que foi notablemente estable. Foi, esencialmente, a partir da segunda metade do século XIX cando o crecemento relevante da altura de poboación comezou a producirse, por mor dos cambios achegados pola revolución da agricultura, a industria e os transportes, que produciron unha melloría apreciable das condicións de vida, nutrición, hixiene, saúde e educación.

Son diversos os factores que influíron no desenvolvemento da talla humana, tan evidente en España nas últimas décadas.

A revolución industrial (que en España non pasou de ser unha mera transformación) repercutiu dun xeito notable non soamente no ambiente no que o ser humano desenvolve a súa vida, senón tamén no seu propio xenotipo e tamén no seu fenotipo.
A revolución dos transportes e as vías e medios de comunicación tivo unha importante repercusión no que concierne ao achegamento dos produtos alimenticios aos mercados consumidores, co consecuente abaratamento, variedade e mellora da dieta. Tamén proxectou o seu influxo sobre o emparellamento humano, xa que ata o s. XIX predominaba a endogamia, mentres que no s. XX creceron ostensiblemente as posibilidades exogámicas. Deste xeito, a poboación conta cunha porcentaxe maior de heterocigotos, o que crea as condicións de posibilidade para que teña lugar un aumento da talla.
No período 1880-1980 pasouse en Europa dunha media de seis fillos por familia a soamente dous. A reducción da prole favoreceu tamén a consecución dunha talla máis elevada.

Poucas dúbidas existen de que en Europa, a dieta foi o factor que máis influiu na mellora da talla dos individuos.

A influencia favorable da nutrición no crecemento constitúe un feito demostrado. En efecto, tanto os individuos como as poboacións desenvólvense en conxunto e crecen en estatura cando medra o consumo de nutrientes, tanto de proteínas, graxas, hidratos de carbono, minerais e vitaminas, como ao cabo de enerxía.
No conxunto de Europa, nos cen anos comprendidos entre 1860 e 1960, produciuse un incremento da talla da poboación adulta da orde de 1 céntimetro por década . Un fenómeno similar tivo lugar no que se refire ao peso da poboación infantil cuxo incremento foi da orde de medio ou ben 1 quilo por década (no que repercutiu o aumento paralelo da altura).

Esta progresión tivo lugar de forma asimétrica no territorio europeo, iniciándose o proceso en primeiro lugar polas rexións pioneiras no que concierne ao desenvolvemento económico, situadas no centro e na parte setentrional. Un fenómeno similar rexistrouse tamén a escala de España. Galicia, como zona subesenvolta, participou neste proceso de xeito serodio.

É o que ten vivir tan recuados.

(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 30/04/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario