domingo, 13 de marzo de 2011

Historia do Café (V)

O existencialismo foi tamén un estilo de vida e unha actitude de pesimismo sombrío e “indiferencia desencantada” (compatible coa esixencia do “compromiso” co mundo que postulaba Sartre, nomeadamente na súa segunda etapa) que comportaba un modo de vestir característico. Existe, en efecto, un certo ‘identikit’ existencialista, caracterizado pola indumentaria negra, na que non podía faltar un xersei de colo volto e, como complemento, un cigarrillo nos beizos. Reinaba neste ambiente, marcado pola guerra fría e o temor ao afrontamento nuclear, a conciencia do absurdo da existencia, e en determinados casos cavilábase na posibilidade do suicidio (Camus sentíu esta tentación nas súas horas baixas) pero tamén tiñan predilección por facer tertulia nos cafés, discutindo nas terrazas os riscos dunha invasión da URSS e os excesos do imperialismo norteamericano. Disipaban a anguria que os esganaba en animadas festas nas casas particulares, e juergas con baile e copas en boîtes e cabarets exaltándose coa música de ‘jazz’. Tanto a Sartre como a Camus lles encantaba bailar. Aqueles intelectuais e artistas fumaban e bebían copiosamente mentres escoitaban a Boris Vian tocar a trompeta na ‘boîte Rose Rouge’. Amaban tamén as cancións da musa do existencialismo Juliette Gréco, denominada a diseuse porque practicaba un xeito falado de cantar. O café ‘Le Tabou’ tivo gran éxito e foi quizais o máis eminente lugar de referencia. Dispuña dun soto de forma tubular provisto dunha barra, un gramófono no que xiraban sobre todo discos de ‘jazz’, e dun piano para o acompañamento dos cantantes.
Camus, con doble vida de home casado e amante atribulado da actriz galega María Casares, almorzaba na casa con ovos e cereais. Sartre facía o propio con dúas copas de coñac no ‘Café de Flore’. Traballador infatigable e home que gozaba de boa saúde (en contraste con Camus que padecía tuberculose, nunha época na que aínda non existía un medicamento eficaz) sentábase nunha mesa do piso superior e alí se concentraba na escritura de libros e artigos para ‘Les Temps Modernes’ (revista de culto para os intelectuais europeos; en España, bebían nesa fonte o catalán Carlos Barral e os galegos Beiras e Ferrín) por espacio de tres horas. A súa inseparable Simone de Beauvoir, á quen chamaba Castor (“o amor necesario”, que non impedía que houbera ademais “outros amores continxentes”), facía outro tanto, se ben noutra das pequenas mesas redondas de que dispuña o establecemento. Despois de xantar xuntos, nalgún dos restaurantes do Barrio Latino, adoito con algúns amigos, ambos os dous regresaban ao ‘Flore’ traballando na parte alta outras tres horas. Algunhas veces eran quen de dedicar ao esforzo intelectual ata 15 horas nun día, e así se explica que a producción de ambos alcanzara amplas proporcións. O propietario non os recoñecía ao principio, pero en canto Sartre se transformou nun personaxe célebre, o cal aconteceu moi axiña (como tamén Camus) e comezou a recibir numerosas chamadas telefónicas, decideu instalar unha liña para o seu uso exclusivo. O ‘Flore’ era en certo modo a súa casa.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe,12/03/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario