sábado, 19 de marzo de 2011

Historia do Café (VI)

A finais de 1943, cando estaba a piques de cumprir os trinta anos da súa idade, Camus instalouse en París para traballar na editorial Gallimard. A súa chegada, a capital atravesaba pola etapa de maior tribulación que coñeceu ao longo do século XX. Naquel último inverno da ocupación alemá todo estaba peor que antes. Na Francia ocupada, a comida, os combustibles e o papel escaseaban cada vez máis. O racionamento non era o único factor que sufocaba os franceses. A represión incrementábase e o goberno colaboracionista de Vichy pregábase aínda máis os ocupantes alemáns, esforzándose en persuadir os franceses de que a vitoria alemá era inexorable. A pesar diso, a vida continuaba naquel París sombrío, racionado e intimidado polas tropas nazis que patrullaban polas súas rúas. A cerrazón non era total, a vida cultural proseguía e a ‘Xestapo’ permitía que os intelectuais de prestixio gozaran de certa marxe de liberdade. Seguíase escribindo e publicando, as revistas literarias continuaban aparecendo e asemadae proseguía a actividade teatral, cos seus ensaios e estreas. De feito, Sartre puido representar sen problemas a súa obra de teatro ‘Las moscas’ (feito que Malreaux lle reprocharía máis tarde). Tamén se exhibían películas. A censura non era drástica, como puxo de relevo Lottman, quen detalla este panorama na súa biografía de Camus. Os pequenos restaurantes e mailos cafés do Barrio Latino estaban repletos de escritores e artistas, de actores e cantantes, de directores de teatro e de cine, en suma de todos aqueles que ían crear a lendo do Saint-‘Germain-des-Prés’ do período de posguerra. Nun París sen carbón, no que os cortes de electricidade estaban á orde do día, resultaba comprensible que os escritores e artistas acudisen a quentarse en cafés como o Flore que dispoñían de estufas de leña. Simone de Beauvoir traza nas súas memorias un retrato de grupo no Flore, onde se mesturaban membros da resistencia e colaboracionistas, onde se podía ver a Pablo Picasso de leria nunha mesa, e a un director de cine tomando unha copa noutra, en tanto que Sartre e Beauvoir escribían en senllas mesas obras que ían modelar a toda unha xeración. Camus coñeceu a Sartre cando acudiu á estrea de ‘Las moscas’, mantendo daquela ambos os dous unha breve conversación. O seguinte encontro tivo lugar no café de Flore, con Beauvoir presente. Falaron de libros e encontraron puntos de vista comúns, xa que resultou que Sartre compartía a admiración de Camus por ‘Le parti pris des choses’ de Ponge. Sartre tiña un carácter amigable e doado, e non foi dificil que o xeo rompese entre os dous escritores, de temperamentos tan distintos, en especial cando Sartre falou da preparación da súa nova proposta teatral ‘A porta pechada’. Propúxolle a Camus que se encargara da posta en escena da obra e mesmo que aceptase o papel principal. Camus venceu as súas dúbidas e aceptou en principio, pero despois declinou sensatamente o ofrecemento posto que nese momento non se consideraba cualificado para asumir o traballo de dirixir actores profesionais nin tampouco se sentía preparado para ocuparse da montaxe dunha peza teatral nun escenario parisiense.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 18/03/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada