lunes, 7 de marzo de 2011

Historia do Café (IV)

Na época da postguerra, marcada polo predominio do existencialismo, e logo despois nos anos sesenta, coa rebelión do 68, o ‘Quartier Latin’ convertiuse nun referente cultural de primeiro orde. París mantivo así o seu influxo e poder de imantación, entramentras a metrópoli newyorquina se ía perfilando como a capital planetaria alternativa no eido cultural e artístico (amén do financiero, etc.), con fenómenos como o movemento ‘Beat’ e o ‘Abstract Expressionism’. Os intelectuais e escritores da xeración de Sartre escolleron a zona do Barrio Latino, porque os cafés e restaurantes que tanto gustaban de frecuentar resultaban máis baratos que noutros barrios, nomeadamente que os situados na outra icona do imaxinario cultural francés: Montparnasse.
Os cafés preferidos polos existencialistas eran o ‘Café de Flore’, a ‘Closerie des Lilas’, e a ‘Coupole’. Unha mañá do outono de 1947, Simone de Beauvoir, despois de traballar como adoitaba facer no Café de Flore, acompañou ao escritor Arthur Koestler e a súa atractiva esposa a visitar o museo impresionista do ‘Jeu de Paume’. Un pouco despois, Koestler quixo repetir unha velada tola que tiveran nun cabaret ruso. Sartre flirteaba coa seductora muller e xa ían estando todos bastante bébedos. Koestler encontrou intolerable aquela situación e non dubidou en guindarlle un vaso a testa de Sartre, afortunadamente con mala puntería de xeito que o proxectil foi a estrelarse na parede. Diante do incidente todos se puxeron en pé para abandoar o local pero antes tiveron que vencer a resistencia de Koestler quen teimaba en que permaneceran nel. Ao cabo, saíron a rúa e Sartre púxose a dar tumbos facendo círculos na beirarrúa. O agresivo compañeiro de farra acabou indo atrás deles, subindo as escaleiras a gatas, e cando chegou onde os demais quixo baterlle de novo a Sartre. Terzou entón Camus con xovialidade, tratando de disuadilo: -“Veña, ímonos!”, díxolle colléndoo polo hombreiro. Pero o outro revolveuse con enerxía a bateulle sen contemplacións ao autor de ‘La peste’. O sangue fervente do escritor pied-noir alporizouse e dispúxose a ensarillarse a labazadas con Koestler, cousa que tería feito de non se interpoñeren os demais. Deixaron despois ao provocador nas máns da súa dona -e mazá da discordia-, e os restantes amigos se instalaron no vello coche de Camus. Namentras este ía conducindo, ben empapado en vodka e champaña, non paraba de chorar ao tempo que salmodiaba magoado: “¡Era o meu amigo, e bateume!”. Levado polo desconsolo, botouse enriba do volante e esqueceuse de gobernar o coche, que comezou a dar tremendos bandazos. Daquela, Sartre e Simone de Beauvoir despabilados decontado co pánico que os embargou, erguéronlle a cabeza ao desolado Camus e a poder de berros e rogos lograron que recuperara a cordura e o control do vehículo.
Nos días seguintes volveron a falar repetidas veces do incidente na velada nocturna. Segundo refire Beauvoir, Camus preguntáballes: ¿Pensan que podemos continuar bebendo así e traballar? A pensadora consideraba que non, pero apunta nas súas memorias que tales incidentes eran pouco frecuentes.
(Publicado en Galicia Hoxe, 04/03/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario