sábado, 30 de abril de 2011

As críticas a O SEGUNDO SEXO (e II)

Simone de Beauvoir sentiuse estimulada a escribir Le Deuxième Sexe debido á privilexiada situación de que gozou como muller, o que creou as condicións de posibilidade para que se puidera expresar –segundo sinala ela- con absoluta serenidade. E foi precisamente o sosego de espírito co que levou a cabo a súa investigación o que máis exasperou a moitos dos seus lectores masculinos. A Simone parecíalle que eles terían acollido con benevolente condescendencia un gran berro alporizado, a revolta dunha alma ferida, pero non lle perdoaron a súa obxectividade que eles dubidaban que fose certa. O seu libro estaba escrito con lucidez cartesiana, e isto facía que a arrogancia do primeiro sexo, da que estaban imbuidos numerosos intelectuais, lle impedira aceptar a paixón de orde intelectual que guiaba o traballo da Beauvoir. A obra suscitou arrebatos de cólera entre algúns dos seus amigos. Un deles, universitaro progresista, interrompeu a lectura do libro e guíndouno contra a parede da habitación. Foi tamén significativa a reacción de Albert Camus, quen a acusou con expresións de afectada morosidade de ter ridiculizado ao macho francés. Simone apostillaba que, como “Mediterráneo” que era, e cultivador dun espíritu español, non concedía a muller máis que a igualdade na diferencia e, como puxo en evidencia Georges Orwell, o home era o máis igual de ambolos dous. Noutra ocasión, confesoulle desenfadadamente que el aturaba mal a idea de ser xulgado por unha muller. Plantexaba a cuestión nestes termos: ela era o obxecto; él, a conciencia, a ollada. E recoñecía entre risas que era certo que era certo que el non acababa de admitir a reciprocidade. Neste momento da conversa, Camus deixou entrever a veta de calidez humana que o caracterizaba, e confesoulle a Simone en tono de confidencia que o home, e el mesmo en particular, sofría por non encontrar na muller unha verdadeira compañeira; él aspiraba á igualdade.
Polo demais, a maioría dos homes consideraron como un insulto persoal o que a Beauvoir escribeu sobre a frixidez feminina. Daban en imaxinar que eles dispensaban pracer segundo o seu antollo e poñer tal cousa en cuestión equivalía castralos. Beauvoir xa contaba con que a dereita non podería por menos que detestar o seu texto, que, como era de agardar, Roma puxo no index (de libros prohibidos). Pero tiña a esperanza de que cando menos fose ben acollido pola extrema ‘gauche’, xa que a súa análise era debedora da teoría marxista. Mais levou un chasco: dende as propias fileiras gauchistas, unha muller, Marie-Louise Barron estimou que ‘Le Deuxième Sexe’ provocaría de certo a hilaridade dos obreiros de Billancourt. E aínda tivo que sofrir outros comentarios de análogo teor. Mais tampouco os xuizos dos marxistas non stalinistas furon máis reconfortantes para ela. Viñeron dicirlle que coa consecución da Revolución o problema da muller desaparecería decontado, e daquela non habería tan sequera necesidade de plantexalo. Beauvoir retrucaba que ela podería a aceptar tal argumento, pero antes tiñan que explicarlle qué era o que pensaban facer entramentres non se fixera a revolución. Concluía que, non concerninte á problemática da emancipación da muller, a esta caste de gauchistas non lles interesaban os tempos presentes.
Os seus adversarios difundiron a propósito de ‘O segundo sexo’, varios malentendidos. Recibeu ataques en especial polo capítulo que consagrou á maternidade. Moitos homes declararon que a autora non tiña dereito a falar da cuestión da concepción da muller, xa que ela descoñecía a experiencia maternal. -¿E eles sí a coñecían?, retrucaba Simone. Acusárona tamén de non terlle outorgado valor ao sentimento maternal e mesmo ao amor. Ela defendíase dicindo, que non sostivera tal, o que propugnaba de certo era que a muller experimentara o sentimento maternal dun xeito auténtico e libre, sen caer nas trampas que a levaban a alienación confundindo o seu corazón. A maternidade non tiña que ser para a muller unha obriga inexorable. Atribuíanlle tamén a defensa da licenciosidade sexual. Mais, en verdade, o que ela preconizaba non era que a muller se deitara con calquera home en non importa que momento, senón que as eleccións e rexeitamentos nesta esfera non deberían atender aos intereses, as convencións e as institucións. Ao cabo, tamén foi moi criticada polas súas consideracións arredor do aborto, ao que era manifestamente favorable.
(Versión ampliada do artigo publicado en Galicia Hoxe, 29/04/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada