sábado, 23 de abril de 2011

O SEGUNDO SEXO (I)

No mes de maio de 1948 apareceu en ‘Les Temps Modernes’ o capítulo de ‘O segundo sexo’ dedicado a muller e os mitos. Lévi-Strauss, que estaba a piques de rematar a súa tese sobre ‘Les Structures de la parenté’, advertíuna de que cometera certas inexactitudes relacionadas coas sociedades primitivas. Tivo a xentileza de permitirlle consultar na súa casa durante varias mañás a copia dactilografiada do seu manuscrito. Léndo, Simone de Beauvoir ratificouse na idea de que o macho desempeñaba o papel primordial e a muller non pasaba de ser ‘o outro’ sexo. Axiña o denominaría o ‘segundo’. Nalgunhas ocasións escribía pola mañán na súa habitación e polas tardes na casa de Sartre, dende a que ollaba a terraza de ‘Les Deux Magots’ e a praza de Saint-Germain-des-Prés. Pasou varias horas con Sartre e Bost barallando diversos títulos posibles para o libro. Foi Bost quen dou co célebre título que lle pareceu o máis satisfactorio. Paralelamente, dúas veces por semana Simone se xuntaba cos colaboradores habituais de ‘Les Temps Modernes’ (Merleau-Ponty, Pouillon, etc.) na pequena oficina de Sartre, demasiado reducida para un xuntoiro de máis de quince persoas. Namentres discutían os artículos e planificaban os próximos números, a peza enchíase de fume de tabaco e aquel selecto grupo de intelectuais bebía ‘alcohois brancos’ que Sartre recibía da súa familia de Alsacia.
Simone de Beauvoir sinalaba que deliberadamente evitara pechar a súa reflexión no círculo estricto do que se denominaba “o feminismo”. Tanto ela como a súa obra (“feminista”, de grao ou ao seu pesar), ‘Le Deuxième Sexe’, foron aceptadas con matices polos intelectuais progresistas. Pero houbo nesta cuestión os seus máis e os seus menos. Beauvoir refire que Sartre recoñecía a súa capacidade intelectual, apoiouna no proceso de preparación de Le Deuxième Sexe e incitouna a afondar nas causas que provocaron a discriminación da muller. Ela declaraba que Sartre, “O home que eu situaba por riba de todos os outros non a me xulgaba inferior a eles”. E non era o único, no enxamio intelectual da ‘Rive gauche’: “Eu tiña moitos amigos masculinos cuxa mirada lonxe de pecharme dentro de certos límites, me recoñecía como un ser humano completo”. Deste xeito, ao ter sido recoñecida polos seus pares intelectuais, Simone non acumulou rancor contra os homes, e puido así escribir ‘Le Deuxième Sexe’ libre de toda animadversión contra os varóns. Declaraba tamén que na súa obra tomaba partido polas mulleres pero evitando exaltalas acriticamente, e polo tanto non deixou de poñer en evidencia os seus deméritos, que tiñan sido enxendrados pola súa condición subalterna. Simone, lonxe de sufrir pola súa feminidade, acumulou as avantaxes de ambos sexos. A partir da publicación de L’Invitée, o seu ‘entourage’ tratouna á vez como un escritor e como unha muller. Esta situación resultou particularmente chocante en América, onde, nos parties, as esposas se xuntaban para falar entre elas aparte, entramentres que Simone charlaba cos homes, que lle manifestaban por certo máis cortesía que aos seus conxéneres.
(Publicado en Galicia Hoxe, 22/04/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada