viernes, 22 de abril de 2011

CAFÉ CON GOTAS. HEMINGWAY NO HOTEL SUÍZO (IV)

Hemingway aloxouse sempre no hotel Suízo, que estaba ubicado nun primeiro momento na rúa da Conga, e logo se trasladou para o número 18 dunha rúa na que son abondosos os edificios modernistas, Cardenal Payá. Era un dos mellores de Santiago, pero non era exactamente un hotel exclusivo, sen chegar a ser tampouco popular (a xente de bronce non se podía permitir o dispendio que representaba o custe das alcobas máis modestas). Instalado nun inmoble de boa factura, dispuña de dous accesos: un deles ao traveso do portal principal situado na rúa máis ampla e señera de Cardeal Payá, Este hotel tivo gran categoría na súa etapa inicial, pero paseniñamente foi devecendo e quedando atrás. No momento de esplendor, abondaban no seu libro de rexistro os apelidos de alcurnia, e o propio rei Alfonso XII se aloxou nel.
Cando Hemingway disfrutou do seu confort, era un dos mellores de Santiago, como o revela o feito de que, en 1932, o prezo da pensión oscilaba entre 10 e 30 pesetas. E iso a pesares de que, como indicaba Reynolds, o Suízo carecía dun vestíbulo elegante. Segundo a guía de Santiago de José Filgueira Valverde, publicada en 1932, soamente o superaba o Gran Hotel España, ubicado na Rúa Nova, cuxo prezo de pensión se situaba nunha banda entre as 15 e las 75 pesetas. Do Gran Hotel Compostela, que viña de inaugurarse, non da prezos, e o Hostal dos RR.CC. non existía aínda en calidade de hotel (adquiriu a condición de Hostal no ano 1958). O Suízo, co paso do tempo, foi perdendo categoría, afastándose dos establecementos hosteleiros de maior ringorrango, e a súa clientela foise facendo máis variopinta. Isto percibeuno Torrente Ballester, quen se aloxou nel -como recorda unha placa conmemorativa na fachada do edificio- e sinalou que a calidade hosteleira do Suízo non era gran cousa.
Con todo, foi quen de atender a demanda do turismo de vodas constituído polos recén casados de toda España que escollían Compostela como punto de destino ou ben de tránsito, nas viaxes de lúa de mel.
A guerra civil marcou un punto de inflexión na historia do establecemento. O propietario, Alfredo, era un home de ideas avanzadas e iso non se lle perdonou. Requisáronlle as camas e outros enseres, e deste xeito o hotel, esquilmado, foi declinando inveitablemente ata que o dono, desanimado, malvendeu o pouco que lle quedaba e trasladouse coa súa familia á Coruña.
Moi perto do Suízo campaba a estatua do prócer e benefactor da cidade Montero Ríos, e o feito dou pé a que un académico lle dedicara uns versos humorísticos, recollidos por Mercedes Gualteria, que dan conta da ubicación próxima dun local de perruqueria, dunha casa de comidas (El Asesino) e probablemente dun minxitorio: "Nada le falta a Montero, / pues además del cariño, tiene contiguo al Asesino / y al costado un meadero. / Del caballero el toisón, / que tantos favores hizo, / tiene la vista al Suízo / y a un magnífico salón, para darle una loción / o poner pelo postizo".
(Artigo publicado en El Correo Gallego, 21.04.2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada