sábado, 14 de mayo de 2011

Coitas de Mulleres

A obra de Xulio Fernández Pintos, Vida e andainas, aborda diversas cuestións de interese para a historia social, e nomeadamente para entender determinadas vicisitudes da condición feminina. Pintos percibe, por exemplo, a sobrecarga laboral que recaía sobre as costas das mulleres urbanas: "a muller", dicía, "non paraba en todo o día". Sobre este particular habería que facer moi probablemente unha excepción coas donas pertencentes á burguesía acomodada.
Apunta o doutor Pintos que, por mor dos seus desacougos, a muller compostelá atopaba na igrexa un refuxio. Para acudir ao templo daba un pequeno paseo, no que ía anticipando a grata sensación de saber que unha vez dentro ninguén a había amolar. Sentada nun dos bancos, na acolledora e tranquila penumbra, podía soñar con remediar as súas carencias e frustracións. "Sempre soñara con ter servizo que a atendese só con erguer un dedo. Facía plans por se algún día lle tocaba a lotería do Nadal. Daquela, ergueríase e xantaría o que outros lle habían ter preparado...". Ademais, xenerosa como adoitaban ser as máis delas, ilusionábase tamén coa perspectiva de que se resolvesen para ben as tribulacións dos seus fillos e mais do seu home. Para propiciar un bo arranxo de coitas de todos, ofrecía esmolas e promesas de sacrificio que ela había de cumprir polo ben dos seus. Aborda tamén outra cuestión moi pouco tratada entre nós por certo, relativa á sexualidade e a procreación, asuntos que acostumaban confundirse nos anos corenta e cincuenta. O temor ao embarazo indesexado anguriou as mozas solteiras pero tamén a moitas mulleres casadas. Traer ao mundo fillos indesexados, ou máis prole da conta, representaba para innumerables mulleres un repertorio variado de problemas: de saúde, para comezar, xa que a experiencia do parto supoñía ata os anos sesenta un temible risco reiterado de morte (nomeadamente por mor das temidas febres puerperais).
Pero tamén supuña un problema económico, acaparaba moita atención, co conseguinte sobreesforzo e desgaste, etc. Verbo desta cuestión, o estado de ánimo de moitas mulleres, poucas veces expresado á luz pública, podía ser aproximadamente o que describe o doutor Pintos, cando sinala que a muller: "Collía o sono tarde e mal, moitas veces cavilando noutro fillo que calquera día podía vir... Sen o desexar. O confesor tíñalle prohibido usar calquera clase de anticonceptivos, cousa que ao seu home tanto lle tiña. Nunca pensaba nas consecuencias. Ademais, adoitáballe dicir á muller que eles só tiñan tres fillos. Dos seus coñecidos, ¡eran dos que menos! Semella evidente, ao cabo, que as mulleres viviron este problema con maior desacougo que os homes, xa que estes, imbuídos da mentalidade imperante daquela, non se tiñan por tan directamente concernidos. O discurso do control da natalidade era un tabú nos anos cincuenta.
Só se consideraba aceptable, con reticencias, o inseguro método de Ogino, introducido en España no ano 1929. Na década dos sesenta, namentres que en Europa a pílula se convertía no método anticonceptivo en alza por mor da seguranza que ofrecía, en España estaba prohibida polo Código penal que estivo vixente ata o ano 1978.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 13/05/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada