martes, 17 de mayo de 2011

Valle-Inclán no Café Derby

Unha guía compostelá do ano 1932, consignaba a existencia en Santiago do "Gran Café-Bar Derby", situado na rúa das Orfas, número 28. O seu emprazamento resultaba moi favorable, xa que estaba moi perto do epicentro monumental, a dous pasos se encontraba o edificio Castromil, moi animado polo trafego de viaxeiros en autobús, e no fronte axiña se construíu o Hotel Compostela, cuxa distinguida clientela podía encontrar no suntuoso café Derby a prolongación natural do luxoso hotel. Digamos que entre ambos establecementos había "unidade de estilo", no que concirne a elegancia e moderno confort.
A orixe remota deste café emblemático remóntase ao ano 1905, cando chegou de Cuba Francisco Rey e se resolveu a fundar o Café Oriental, que en 1929 pasou a denominarse Derby. O alento modernizador dos indianos foi un factor primordial para renovada posta ao día da vella cidade, tanto na esfera da arquitectura como na da restauración. Segundo Fernando Franjo, a historia do Derby está vencellada dende o comezo a Avelino San Luís, empresario que fixo canto estivo na súa man para poñer en pé un establecemento moi senlleiro na cidade. O relevo tivo lugar en 1935, cando dous empregados de San Luís pasaron a rexentar o local. A guerra civil trastocou dende logo as xentes e as cousas, mais tamén os nomes. A runfadela chauvinista das autoridades franquistas chegou a ridícula puntillosidade de proscribir as denominacións cosmopolitas ou "estranxeirizantes" dos establecementos públicos. Deste xeito, o café Derby viuse obrigado a cambiar o seu nome polo de café Imperial, máis concorde co espírito saudoso da época das glorias patrias. Outro dos remexidos pola ventoleira patriótica foi o bar Shanghai (fundado en 1930) especializado en cócteles e o primeiro dos santiagueses en instaurar o apreciado costume de ofrecer tapas gratuítas como acompañamento das bebidas (de cociña caseira e variadas ademais). Pois ben, tivo que mudar a súa exótica denominación, propiciadora de ensoñacións con damas de reminiscencias cinematográficas, para volver a poñer os pes na terra, rebautizándose co enxebre e prosaico rótulo de o Carballeira, que a partir de entón campou na rúa do Vilar, ao carón do Café Español.
O Derby era moi axeitado para os faladoiros. O máis ilustre foi o de Valle-Inclán, que tivo lugar cando o escritor residiu en Santiago no ano 1935, para tratar a súa doenza no sanatorio do doutor Villar Iglesias. Acudían a esta tertulia o doutor Devesa, o tamén médico García Sabell, artistas como Arturo Cuadrado e Carlos Maside, e outras persoas ilustres como Sánchez Harguindey e Martínez López. Nestas conversas brillaba o enxeño do autor das Sonatas, que podía resultar temible cando polemizaba con alguén, pois chegado o caso non dubidaba en escarnecelo con algunha acerada ironía ou satírico comentario. Tense dito que nunha ocasión un contertulio que non lle caia en graza púxose de pe e preguntou onde era que estaba o lavabo. Don Ramón apresurouse a axudalo: -"Vaya por allí -díxolle- hasta que vea una puerta con un letrero que pone: "Caballeros". Pero no se preocupe, usted no haga caso y entre igual".
(Publicado en El Correo Gallego, 17/05/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada