viernes, 20 de mayo de 2011

Con Cunqueiro e Leiceaga

Anúnciase a inauguración dunha exposición sobre Cunqueiro na próxima semana. O feliz evento que nos proporciona a editorial Galaxia terá lugar na Casa da Parra (na praza da Quintana) e agardo que alí poderei encontrar a bos amigos que aman a literatura de Cunqueiro, galeguistas sensibles como Xaquín Fernández Leiceaga, lucido humanista ademais de excelente xestor e economista.
Paga a pena referir unha anécdota sobre o ilustre escritor mindoniense, que tomo da estupenda obra de Xosé Manuel G. Trigo: Reserva especial. Elixio invitaba algúns clientes que frecuentaban a súa taberna viguesa á súa adega en Leiro. Evaristo, que acompañaba familiarmente o coñecido taberneiro vigués na súa adega de Leiro, díxolle a Cunqueiro -nunha ocasión en que fora por alí probar o viño de boa treixadura que tiña e, de paso, a estampar a súa sinatura nun bocoi-, que consideraba o seu libro Merlín e familia como o máis fermoso do mundo. Tanto lle gustara que o lera unha chea de veces, e habíao de ler sempre, "e aínda despois": cando morrese quería que lle puxeran o libro na caixa. Cunqueiro contestoulle emocionado que nunca lle dixeran unha cousa tan conmovedora a propósito dunha obra súa. Cando marchaba felicitou a Evaristo pola excelencia do seu viño e manifestou o seu desexo de levar unhas botellas. "Quero que mas poñan na caixa", bromeou en xusta reciprocidade. Mais o Evaristo díxolle que mellor era que as bebera neste mundo, pois o viño do ribeiro non era moi viaxeiro.
Foi Álvaro Cunqueiro, amén dun eminente literato, un fino catador e gastrónomo. Dende logo non ocultaba a súa dilatada experiencia como atento e sensible bebedor. De feito, ten escrito que: "Se me puede retratar con la taza cunca de mi apellido en la mano, en la que pinta un ribeiro o hace espuma un agulla del Rosal". Cunqueiro gustaba dos viños galegos, aínda coñecendo os seus defectos -felizmente superados hoxe en día-: "su agrio, sus breves fuerzas y calores, (...) su calma reposada". Na poesía dos viños galegos agóchase, do mesmo xeito que na prosa de Cervantes, unha secreta verdade. Aseguran os cervantistas que os imitadores do escritor de Alcalá fracasaron todos na súa pretensión porque Cervantes é certamente inimitable; pero éo porque carecía propiamente de estilo, pero como sentía con fondura o que escribía, saíalle maxistralmente, posto que -como el dicía- ben se escribe o que ben se sente. Tamén os viños galegos teñen un recóndito segredo que hai que saber encontrar e apreciar: "Tienen un amor que hay que buscarles, ayudándoles a franquearse". En relación co carácter dos viños galegos e das mesmas xentes do país, opinaba que son: "Como nosotros somos, humildes y mansos, honestos, suaves y remisos". E non dubidaba, así, don Álvaro, en erguer a súa cunca e brindar a prol de todos deles, para recordalos e loalos. Eis o brinde de don Álvaro a prol dos viños galegos todos: "Humildes, honestos, mansos, suaves y remisos vinos, yo levanto en mi mano la taza para recordarlos y alabarlos, desde el Miño al Mandeo, dándole la vuelta al mapa de mi tierra".

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada