martes, 7 de mayo de 2013

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 2ª SESIÓN: ROSALÍA DE CASTRO. Xoves, ás 20 h.

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 2ª SESIÓN: ROSALÍA DE CASTRO Mestura de Cultura e Lecer: Preténdese crear un espazo para a convivencia cordial. Un ámbito para a cultura galega e o goce dos nosos viños. Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Lugar: Cafetería LUCES DE BOHEMIA (Rúa Colón, 34. Vigo) Data: Xoves, 09 Maio, ás 20 horas. Adega invitada: Nairoa (Arnoia. D.O. Ribeiro) PRESENTACIÓN: A segunda sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra da poetisa Rosalía de Castro, que non é só unha das grandes creadoras da cultura europea oitocentista, senón que, dende a sensibilidade actual, aínda os seus versos gozan de louzanía e resultan vibrantes e emotivos para moitas persoas da nosa época. A súa obra ten ademais un grande interese etnolóxico e contén unha fecunda canteira de referencias aos viños de nós, e nomeadamente do Ribeiro, o viño máis nobre ao traveso da historia toda de Galicia, sendo merecente da gabanza de Cervantes e Tirso de Molina. Os comentarios do condutor do acto, Xavier Castro, darán conta das características esencias da súa obra literaria, moi vencellada a súa peripecia vital, e aludirán ás referencias que a poetisa fai á cultura do viño. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños do Ribeiro, e o recitado dalgúns textos senlleiros de Rosalía, no que colaborara a actriz Uxía Blanco / a profesora María Outes, mesturado todo coa audición de poemas musicados e cancións (ilustradas con vídeos exhibidos nunha pantalla) de Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e algunhas cantigas populares. Nesta ocasión poderemos apreciar os viños de Adegas Nairoa, que mesturan a vinificación tradicional cos actuais avances enolóxicos nas modernas instalacións que posúe nun edificio axeitado ao feitío arquitectónico tradicional do Ribeiro, situado na beira do río Arnoia. Elabora uns viños moi recoñecidos, de alta expresión, senlleiros, ben harmonizados e complexos. Haberá ocasión de catar dous excelentes brancos: Alberte e Nairoa, para rematar cun tinto Terralonga, que combina sabiamente as variedades mencía e garnacha. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo de Ulloa, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario