lunes, 20 de mayo de 2013

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 3ª SESIÓN: JULIO CAMBA

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 3ª SESIÓN: JULIO CAMBA Mestura de Cultura e Lecer: Preténdese crear un espazo para a convivencia cordial. Un ámbito para a cultura galega e o goce dos nosos viños. Condutor da Sesión: Xavier Castro Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1882 / Madrid, 1962) , autor do tratado gastronómico, La casa de Lúculo, “es el ‘logos’, la más pura y elegante inteligencia de España”. (José Ortega y Gasset) Lugar: Cafetería LUCES DE BOHEMIA (Rúa Colón, 34. Vigo) Data: Xoves, 23 de Maio, ás 20 horas. ADEGA invitada: ARCO DA VELLA (Beade – Ribadavia (D.O. Ribeiro) PRESENTACIÓN: A terceira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra do escritor Julio Camba, nado nunha terra fértil en creadores, Vilanova de Arousa, cando corría o ano 1882. Desempeñouse como corresponsal de prensa en varias capitais extranxeiras, cultivando con extraordinario talento a crónica e a literatura xornalística. Pergueñou os seus artigos cun inconfundible estilo cuns celebrados rasgos de ironía e humor intelixente, que induciu a Ortega y Gasset, pensador pouco inclinado a eloxiar os merecementos dos demais intelectuais, a consideralo como “la más pura y elegante inteligencia de España”. Os comentarios do condutor do acto, Xavier Castro, darán conta das características esencias da súa obra literaria, moi vencellada a súa peripecia vital, e aludirán ás referencias que o escritor de Vilanova fai á cultura do viño e a gastronomía, nomeadamente no seu libro La casa de Lúculo. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños do Ribeiro, e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Camba, mesturado todo coa audición de cancións (ilustradas con vídeos) representativas da época en que desenvolveu a obra este magnífico escritor, primordialmente a dos cabarets e cafés cantantes, nos que regocixaban ao público as cupletistas de moda, a cuxas tertulias acudiu este escritor e conversador infatigable que se instalou nunha habitación sinxela do hotel Palace, en graza da amizade, por carecer de domicilio propio, e que rexeitou a proposta de incorporación á Real Academia Española, aducindo, con retranqueira modestia, que aquelo non podía ser posto que o que se lle ofrecía era un sillón cando o que el necesitaba era un piso. Nesta ocasión poderemos apreciar os logros da Adega Arco da Vella, que elabora uns viños artesáns de salientable calidade con uvas porcedentes das propias cepas centenarias, situadas en Beade – Ribadavia (na Denominación de Orixe Ribeiro). Deste xeito, a familia de adegueiros que puxo en pé Arco da Vella ven practicando o amor polos viñedos dende hai varias xeracións, desterrando da súa práctica vitícola o emprego de productos herbicidas e pesticidas. Súmase a isto a concienzuda aplicación na elaboración dos seus viños, e así é como consegue obter uns productos naturais de singulares características organolécticas que polo recendo, cor e padal fan que, con todo merecemento, os podamos inxerir na mellor xinea dos grandes ribeiros tradicionais, que estes adegueiros foron quen de preservar tan cumpridamente. Presentará esta adega o tinto Tarabelo, de cor bermella de cereixa, redondo, largacío e de gorentoso recendo, e non faltará tampouco un branco de resonancias célticas, Torque do Castro, de cabal intensidade, pleno e de prolongado post gusto. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo de Ulloa, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada