domingo, 12 de mayo de 2013

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA: ROSALÍA DE CASTRO, no CEGAC (Santiago). Martes, ás 20 h.

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA: ROSALÍA DE CASTRO. EN SANTIAGO. Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Lugar: Cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC). Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5. Santiago de Compostela. Data: Martes, 14 de Maio, ás 20 horas. Adega invitada: Viña Moraima (Barro. D. O. Rías Baixas) PRESENTACIÓN: A segunda sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra da poetisa Rosalía de Castro, que non é só unha das grandes creadoras da cultura europea oitocentista, senón que, dende a sensibilidade actual, aínda os seus versos gozan de louzanía e resultan vibrantes e emotivos para moitas persoas da nosa época. A súa obra ten ademais un grande interese etnolóxico e contén unha fecunda canteira de referencias aos viños de nós. Os comentarios do condutor do acto, Xavier Castro, darán conta das características esencias da súa obra literaria, moi vencellada a súa peripecia vital, e aludirán ás referencias que a poetisa fai á cultura do viño. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos excelentes Albariños, e o recitado dalgúns textos senlleiros de Rosalía, mesturado todo coa audición de poemas musicados e cancións (ilustradas con vídeos exhibidos nunha pantalla) de Amancio Prada, Luz Casal e algunhas cantigas populares. Nesta ocasión poderemos apreciar os viños da Adega Viña Moraima, situada en Barro (Subzona do Salnés, enmarcada na Denominación de Orixe Rías Baixas). Esta cooperativa ten a ben practicar unha agricultura de produción integrada que fai por obter o máximo partido á calidade da uva, dando como resultado uns viños monovarietais albariño 100% nos que se aprecian as súas características xenuinas. Na actualidade,Viña Moraima elabora dous viños de calidade contrastada: Aba de Trasumia e Moraima. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo de Ulloa, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC), en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario