martes, 16 de febrero de 2016

Xavier Castro. Xornadas Viño e Cultura: 1ª Sesión: Valle-Inclán e Leive


XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA
1ª Sesión: VALLE-INCLÁN
Bodega Urbana
PEPE MANTEQUILLA
UN ÁMBITO PARA A CULTURA E O GOCE DO VIÑO


Condutor da Sesión: Xavier Castro
LugarBodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)
Data: Mércores, 17 de Febreiro, de 20’30 a 22’00 horas.
ADEGA invitada: AUREA LUX (Cenlle. D.O. Ribeiro)

PRESENTACIÓN
     A primeira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e máis a obra do extraordinario escritor Ramón María del Valle-Inclán, auténtico ourive do idioma e creador do esperpento. Nas Comedias Bárbaras, nas Sonatas e tamén en dramas teatrais como Luces de bohemia deixou plasmado un suxestivo friso da cultura popular do viño na Terra do Salnés, testemuñou as formas de sociabilidade e as bebidas que adoitaban servirse tanto nos pazos visitados polo Marqués de Bradomín, como nas tabernas e cafés de Madrid nos que Max Estrella calmaba a súa sede de rebelde lúcido e distraía a súa melancolía de poeta bohemio.
     Valle-Inclán aludía á correspondencia entre viños e pratos, complexa cuestión na que se entreveran segredos nexos, á maneira dun concerto pitagórico. Nunha das comedias bárbaras, concretamente en Cara de Plata, o seminarista Don Farruquiño barrunta unha teoría en relación con isto: “Cada vino reclama su sacramento. Rueda blanco, propio para acompañar una tortilla de chorizos. Espadeiro de Salnés, bueno para refrescar en el monte, o en una romería o en un juego de bolos. Rivero de Avia, para las empanadas de lamprea y las magras de Lugo. Cada vino tiene su correspondencia en la vida, igual que todas las cosas. El mundo es armonía y concierto pitagórico. ¡Y nadie me rebata, si no está ordenado de teólogo!”.
Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta das características esenciais da súa obra literaria e dos seus suxestivos testemuños sobre o panorama da enoloxía de Galicia no primeiro terzo do século XX. Mais convén asi mesmo mollar a palabra, e, deste xeito, as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños do Ribeiro, e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Valle-Inclán, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo valleinclanescos, como as arias de Don Giovanni de Mozart, que non tería nada de estraño que inspirasen ao Marqués de Bradomín nos seus galanteos.
     Nesta ocasión poderemos apreciar os excelentes caldos da prestixiosa Adega Aurea Lux, situada en Cenlle (D.O. Ribeiro), ben representada polo seu promotor, o profesor de socioloxía Manuel Docampo. Esta adega elabora, cun feitío artesanal e depurada calidade técnica, uns viños de probada calidade: Leive Paradigma, elaborado con uva treixadura, albariña e loureira, e a outra marca de seu, Leive Treixadura, que presenta un carácter monovarietal. Haberá ocasión de gozar asemade do branco reserva Leive Reliquia e dun tinto de crianza, con certificación ecolóxica, Preto de Leive.
            Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán, queixo, friames e outros produtos galegos de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia bodega urbana Pepe Mantequilla, en días previos ou ben media hora antes da sesión. (prezo: 9 euros)

LUGAR DE REALIZACIÓN
-Bodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)

DATA
-17 Febreiro, Mércores, de 20’30 a 22’00 horas.

PREZO:
9 euros, cada sesión (con dereito a varios viños e petiscos).
Pódese adquirir a entrada en Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo) preferentemente nos días previos, ou ben media hora antes da celebración da sesión.

Para máis información:
Xavier Castro (Autor de: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
Enderezo-e: f.x.cp@hotmail.com
Móbil: 609 653 228 


No hay comentarios:

Publicar un comentario