sábado, 27 de febrero de 2016



XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA

2ª Sesión: ÁVARO CUNQUEIRO


Bodega Urbana
PEPE MANTEQUILLA
UN ÁMBITO PARA A CULTURA E O GOCE DO VIÑO

                                                      Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: Bodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)
Data: Xoves, 3 de Marzo, de 20’30 a 22’15 horas.

ADEGA invitada: ALECRIN (D.O. Ribeiro)
A segunda sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra dun dos escritores más imaxinativos das nosas letras e forxador ademais dunha peculiar sensibilidade en relación cos viños e a gastronomía de Galicia: Álvaro Cunqueiro, natural de Mondoñedo, vila –como el dicía- rica en pan, en augas i en latín. Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro (especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015), darán conta das claves esenciais da súa obra literaria en relación coa cultura popular do viño en Galicia, e iranse intercalando coas achegas tanto do adegueiro, Antón Giráldez, como do vitivinicultor Julián Rodríguez. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce de excelentes viños, e o recitado dunha escolma de textos representativos do quefacer de Álvaro Cunqueiro, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo cunqueiriano.
Nesta ocasión poderemos apreciar os honestos viños da recoñecida Adega Alecrín que promove a familia Giráldez en Cenlle, situada na comarca do Ribeiro. Presentará dous caldos de feitío artesán e elaboración natural: un branco, creado coas nobres castes autóctonas treixadura e albariño, e un tinto multivarietal que mestura as uvas mencía, caíño tinto, brancellao e sousón.
            Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán, queixo, friames e outros produtos galegos de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia bodega urbana Pepe Mantequilla. (prezo: 9 euros)

LUGAR DE REALIZACIÓN
-Bodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)

DATA
-3 Marzo, Xoves, de 20’30 a 22’15 horas.

PREZO:
9 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
Pódese adquirir a entrada en Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo) preferentemente nos días previos, ou ben media hora antes da celebración da sesión.

Para máis información:
Xavier Castro (Autor de: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
Enderezo-e: f.x.cp@hotmail.com
Móbil: 609 653 228

No hay comentarios:

Publicar un comentario