lunes, 15 de febrero de 2016

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA. EN VIGO
PROGRAMA
Bodega Urbana PEPE MANTEQUILLA
As Xornadas sobre Viño e Cultura terán lugar na cidade de Vigo, nos días 17 de Febreiro, 3 e 10 de Marzo, en horario de 20’30 a 22 horas, na bodega urbana Pepe Mantequilla. Trátase de levar a cabo nelas un achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica e tamén ós propios da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce hedonista do viño.
Estas Xornadas teñen unha orientación transversal que pretende integrar a cultura do viño coa creación literaria, artística e musical. En cada sesión degustaranse viños de excelente calidade elaborados por reputadas adegas, nomeadamente galegas (Áurea Lux e Alecrin), e poñeranse de manifesto as referencias ao mundo do viño contidas nas obras de varios creadores senlleiros: Valle-Inclán, Álvaro Cunqueiro, e os artistas evocados por Woody Allen en Midnight in Paris (cando París era unha festa, nos anos vinte). Faranse tamén recitacións de poemas e lecturas de textos en prosa e proxectaranse ademais fragmentos curtos de documentais culturais.
As explicacións do condutor das Xornadas, o profesor Xavier Castro (especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015), farán referencia ao escritor que centre o interese de cada unha das sesións, abordando cuestións relacionadas coa cultura do viño, a temática gastronómica relacionada con ela e iranse intercalando coas achegas tanto dos adegueiros como do vitivinicultor Julián Rodríguez. Aléntase tamén a participación dos asistentes que disporán de momentos de vagar dedicados ao goce pracenteiro e ilustrado do viño, que, como é mester, servirase na compaña dalgúns petiscos de pan artesán, queixo, friames e outros produtos galegos de calidade. Haberá, así mesmo, interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo co creador que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas ou obras clásicas, como tamén jazz e música galega tradicional.

LUGAR DE REALIZACIÓN
-Bodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)

DATAS
-17 Febreiro, Mércores: Valle-Inclán. Adega Aurea Lux.
-3 Marzo, Xoves: Álvaro Cunqueiro. Adega Alecrin.
-10 Marzo, Xoves: Woody Allen: Midnight in Paris (París era unha festa, nos anos vinte). Viños de Pepe Mantequilla (Selección de Julián Rodríguez).

HORARIO
De 20’30 a 22’00 horas.

PREZO:
9 euros, cada sesión (con dereito a varios viños e petiscos).
Pódese adquirir a entrada en Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo) preferentemente nos días previos, ou ben media hora antes da celebración da sesión.

Para máis información:
Xavier Castro (Autor de: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
Enderezo-e: f.x.cp@hotmail.com


Móbil: 609 653 228

No hay comentarios:

Publicar un comentario