lunes, 7 de marzo de 2016

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA 3ª Sesión: PARÍS NOS ANOS VINTE.

 

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA. 3ª Sesión

Woody Allen: Midnight in Paris (cando París era unha festa, nos anos vinte)


Bodega Urbana PEPE MANTEQUILLA
UN ÁMBITO PARA A CULTURA E O GOCE DO VIÑO

Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: Bodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)
Data: Xoves, 10 de Marzo, de 20’30 a 22’15 horas.
VIÑOS DE BARRIL DA ADEGA PEPE MANTEQUILLA: SELECCIONADOS E COMENTADOS POR JULIÁN RODRÍGUEZ


PRESENTACIÓN
A terceira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura está dedicada a evocar o ambiente cultural de París na década de 1920. Como lle acontece ao protagonista da película de Woody Allen Midnight in Paris, adentrarémonos no pasado da cidade luz, considerada o epicentro das novas tendencias creativas. Achegarémonos así ao friso composto polos literatos e artistas de vangarda que viviron nesta cidade. Coñeceremos a súa procura de novos vieiros para a creación, que levaban a cabo entre discusións nas tertulias dos cafés emprazados nos bulevares (non faltaría quen se referise nalgunha delas á música de Cole Porter e as escandalosas farras celebradas no seu apartamento parisino) namentres tomaban copas de absenta, pastis ou de viño Burdeos. Entretanto, resoaban no ambiente os electrizantes acordes dos novidosos ritmos do jazz.
 Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro (especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015) daran conta dos gustos predominantes en materia de viños e das claves esenciais dos creadores que se deron cita naquel París dos tolos anos vinte, no que a vida era unha moveable feast, como gustaba dicir Ernest Hemingway, e iránse mesturando coas achegas do vitivinicultor Julián Rodríguez.
Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce de excelentes viños, combinado coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) propias do mundo parisino naquela época. Nesta ocasión poderemos apreciar os viños de barril da adega urbana Pepe Mantequilla, que serán presentados por Julián Rodríguez, e máis cataremos tamén algún viño francés.
            Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán, queixo, friames e outros produtos galegos de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia bodega urbana Pepe Mantequilla. (Prezo: 9 euros)

LUGAR DE REALIZACIÓN
-Bodega urbana Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)

DATA
-10 Marzo, Xoves, de 20’30 a 22’15 horas.

PREZO:
-9 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
Pódese adquirir a entrada en Pepe Mantequilla (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo) preferentemente nos días previos, ou ben media hora antes da celebración da sesión.

Para máis información:
Xavier Castro (Autor de: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
Enderezo-e: f.x.cp@hotmail.com
Móbil: 609 653 228


No hay comentarios:

Publicar un comentario