martes, 5 de mayo de 2009

Tertulia Voltaire de Vigo, comentario do libro de Xavier Castro: Historia da vida cotiá na Galicia contemporánea.

Na Tertulia Voltaire de Vigo comentouse o libro de Xavier Castro: Historia da vida cotiá na Galicia contemporánea (Nigratrea)

O libro que comentamos neste faladoiro leva por título Historia da vida cotiá na Galicia contemporánea, e foi publicado por Nigratrea. Constitúe un achegamento de síntese á historia da vida cotiá na Galicia contemporánea, dende unha perspectiva de conxunto. Existen varias historias de Galicia na época contemporánea, pero ningunha dos galegos, das xentes de diferente condición social; dos que comían ben e durmían en colchóns de la, e os que levaban unha existencia precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de follato: os homes, mulleres e nenos, labregos, fidalgos e habitantes das cidades que protagonizaron a historia deste país. Considérase, xa que logo, nesta obra o xeito no que se desenvolvía a vida cotiá da xente corrente, o amor e a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o traballo e máis o lecer, e asemade o mundo da escola. Trátase ademais de relatar todas estas cuestións dun xeito ameno e non academicista. Obras deste tipo poden axudar talvez á motivar ós alumnos cando se lles explique a asignatura de Historia de Galicia. Asunto este nada sinxelo. Gonzalo Allegue, autor dunha fermosa e impagable biografía de Blanco Amor, contaba que cando era profesor de literatura nun instituto de Coia trataba de motivar ós estudantes para que se afecionasen á lectura dos clásicos. Dicíalles nunha ocasión: ben, imos traballar hoxe na clase unha obra que escribeu Miguel Delibes, que se títula: Cinco horas con Mario. Os alumnos prorrumpen en protestas: -Bah!, non, menudo rollo. Gonzalo teima e animalos, e insiste: -Xa veredes como vos interesa. Trata dun profesor que morre e…. Ao escoitar isto, os estudantes o interrumpen: ¡Morre o profesor!, ¡como mola!, ¡que guai!. Sí, profe, esa obra nos gusta. Entón un alumno situado na última fila da clase ergue a man, e di: -Profesor, podo facer unha pregunta?. –Por suposto que sí, pregunta o que queiras. –Nesa obra que vostede quere que comentemos, ¿en realidade, o profesor ese, morre, ¡ou o matan!?
A vida á antiga usanza presentaba notables carencias: os máis dos fogares carecían de lus e auga corrente. Escaseaban os bens de consumo. A existencia duraba menos tempo en promedio. Había menos recursos médicos e terapéuticos para preservar a saúde e recuperala cando se contraía unha doenza seria (poucas personas podían ter acceso a un médico). Antes da aparición da penicilina unha simple gripe podía matar a unha persoa e provocar un andacio. Ata a década de 1940 non estivo disponible a súa aplicación terapéutica. Físicamente, a xente presentaba un aspecto peor: a beleza física duraba pouco e todos eran máis baixos e máis fracos. Pasaban frío, comían de xeito insuficiente e descompensado: condicionados por unha dieta estacional, pouco variada, con escasez de carne e pan branco. Era común a malnutrición, cando non lisa e llanamente a desnutrición. A pantasma da fame pairaba sobre a maioria da xente. A sexualidade estaba vencellada á reproducción, para a cal non había xeitos eficaces de control. Ademais, adoitaba ser insatisfactoria, ruda e primaria.
Porén, a pesar dos pesares, ou precisamente como contrapartida a eses pesares, era maior a ledicia de vivir. A convivencia era máis espontánea, había máis calor humana, máis comunitarismo, menos xente soa, e as persoas protexíanse máis unas as outras. Existía antano un grao maior de cercanía humana, máis propensión a ledicia. Como dicía Otero Pedrayo, brillaba máis a “faísca da antiga alegría”. Os labregos dispuñan de máis tempo, eran ademais donos do seu tempo (podían facer un alto no traballo cando lles viñera en gaña, regular as tarefas ó seu libre albedrío) e participaban doutra cultura laboral: o paisano era moi culto, sabía facer moitas cousas, fronte o especialista, o home unidimensional da fábrica e o medio urbano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario