domingo, 9 de agosto de 2009

Muíños, Fariña e Pan

Na sociedade tradicional o muíño operou como un eficiente nódulo de interrelación humana. Mais non acontecía isto en todos os obradoiros de moenda. Nos muíños de herdeiros, chamados tamén de aparceiros, difícilmente se podían artellar relacións espontáneas. Pola contra, os de maquía, propiciaban todo tipo de conversas.
Begoña Bas afirma que os veciños se xuntaban nos muíños, e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Polo común as muiñadas eran de noite e tiveron un sentido de relación festiva. A estas muiñadas acudían mulleres e homes, pero os máis participativos adoitaban ser os mozos e as mozas. Nos muiños dábanse, pois, cita os mozos coas mozas, e neles tiñan lugar moitas das súas relacións. Alfredo García Ramos, nos seus ‘Estilos consuetudinarios’, menciona o costume de compartiren mozos e mozas xuntos unha bóla de fariña no muíño, a xeito de cea. A escea presenta claros visos de cortexo.
Valle-Inclán reflicte en ‘Águila de Blasón’, a atmósfera que reinaba neste especial ámbito de convivencia. Así pergueña o escenario nun muíño, non comunal como viñan sendo moitos, senón de propiedade señorial, pero levado en arrendo por uns muiñeiros: “La velada en el molino. Hay viejos que platican doctorales a la luz del candil, que cuelga de una viga ahumada, y mozos que tientan a las mozas en el fondo oscuro, sobre el heno oloroso”. Semella que reinaba alí considerable algazara punteada de escarceos erótiocos, que detalla o escritor: “si alguna moza se duerme en la vela, luega la tienta un mozo parletano. Entre el reír de los viejos y el rosmar de las viejas, las manos atrevidas huronean bajo las haldas”. Pero, lóxicamente, non todo é libidinal no cadro esbozado: “La luna se levanta sobre los pinares y blanquea en la puerta del molino, donde mozas y mozos divierten la vela con cuentos de ladrones, de duendes y de ánimas”.
Nos días de feira ou festa, a xente moía máis grao e o rexoubeo tinguido de erotismo que se producía no muíño era maior. Dende ‘El embrujado’, érguese un cego e guinda a súa proclama: “¡Día de feria, foliada en el molino, con unas mozas...! Yo no las vi, pero las apalpé”. Polo demais, andaba en beizos populares un refrán tamén ben elocuente: «As que ó muíño van, se son bonitas, logo as moerán».
Os testemuños que recolleron algúns investigadores ofrecen unha imaxe máis matizada e cuns claroscuros que non sempre aparecen la literatura folclórica. A situación afastada de moitos muíños e o seu difícil acceso en ocasións, representaba un esforzo de carga e desprazamento considerable. Ben é verdade que nos muíños de maquía non resultaba infrecuente o reparto da fariña a domicilio. Pero isto non sempre era así, e nos doutra caste, (de herdeiros, por mencionar unha) non o era en absoluto. Deste xeito, non quedaba máis remedio que levar o gran ó muíño nun saco, ao lombo ou na cabeza, se non se dispuña de besta, o cal adoitaba ser unha tarefa realizada por mulleres. Era ben penosa, e de grata tiña moi pouco, aínda que non mellor dos casos houbera a posibilidade de parolar ou mesmo troulear no tempo de agarda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada