miércoles, 19 de agosto de 2009

Viño para Matar a Friaxe

A friaxe constituía unha das maiores penurias da existencia dos labregos, xa que: «(...) pra comer pan fozan n-a terra / é andan ò frio y-ô orballo». Antigamente non existían a penas bebidas quentes, ou non había costume de recorrer a elas. Pouco máis tiñan que o viño da casa. Así aconteceu ata que tivo lugar a difusión do chocolate, o café e o té, por esta orde. A xente daba moita importancia á funcionalidade calórica do viño; de feito, o contido en calorías do produto erixíase nunha poderosa razón que xustificaba a preferencia polo viño antes que pola agua. Hai constancia da existencia do seguinte proverbio que permitiría de seu deducir dito criterio de apreciación : “Máis vale viño que quente que auga fría”.
Leandro Carré Alvarellos legounos unha breve obra teatral, que titulou: ‘Pra vivir ben de casados’, que se representou no teatro Rosalía Castro, da Coruña, no ano 1917. Nela deixa moi claro que a friaxe era unha das motivacións clásicas máis populares para xustificar a inxesta de viño. Atendamos a parola que manteñen uns montañeses:
“Bras.- Xa mo parecía. Pois, eso: eu busco unha parenta. Agora ben. ¿Atoparei unha moza que queira ter conta da casa e atendé-los labores propios dela?
Chinto.- Home parece-me que si.
Xila.- O piquer é que ti es moi lambereteiro.
Bras.- Eso si; eu son amigo de comer ben, inda que non lle poño mala cara ao viño.
Xila.- Ben che se conoce na color do narís.
Bras.- Non tal, muller; que eso foi da friaxe.
Chinto.- E mais, mira; parece-me que contra a friaxe, e xa que non desagrada, podiamos botar un neto, que tamén é bon pra avivá-las ideas.
Xila.- Eso era o que debías de ter feito xa, pra facé-las honras ao compadre.
Bras.- Val máis tarde que nunca, Xila; e como inda chega a tempo, non se perdeu nada.
Chinto.- Daquela vou á bodega encher un xerro (baixan do escaño el e mais Bras)”.
Para quentarse no inverno, todos procuraban achegarse a quentura da cociña de ferro que permanecía acendida durante a maior parte do día. Os adultos adoitaban fregar as mans e e extender de seguida as palmas por riba dos forniños, en tanto que, por veces, os nenos metían de xeito alternativo os pes e as mans na portiña do forno da cociña bilbaína.
Tremendamente frías adoitaban ser as pensión nas que paraban os estudantes, as veces en cuartos sen ventilación, ou en habitacións compartidas. “O Fontes, nun cuarto interior cheo de fume de cigarro, patalexaba para escorrentar o frío e pronunciaba alto as verbas solemnes: apopletiforme, leucocitemia...”, como refire Otero en ‘Os camiños da vida’.
Nas aldeas tardaron en chegar as bolsas de auga –que eran de goma, as veces provistas dun forro de la ou felpa- para quentar os pes na cama. As nais empregaban uns recipientes de barro que fabricaban os alfareiros, ou ben simples botellas de gaseosa que tiñan un peche de certa seguridade, obtida mediante a suxeición dun entramado de aramios. A nai da informante recorría a estas botellas pero tomaba a precaución de meterlle previamente uns cravos dentro para que non rebentara a botella cando se introducía nela a auga fervendo.
(Publicado en Galicia Hoxe, 14/08/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario