sábado, 1 de agosto de 2009

Pasas e Croques Contra a Desmemoria

O pintor surrealista Eugenio Granell, é autor dunha interesante obra, ‘Memorias de Compostela’, na que evoca a súa infancia e mocidade. O libro reviste un interese moi notable para coñecer a historia da vida cotiá nos anos vinte e trinta do pasado século. Nunha pasaxe alude ao Santo dos Croques, polo que sentían particular veneración os estudantes, tornados pelegríns de conveniencia, cando chegaba a temida época dos exames. Cóntase que nunha ocasión un estudante cando paseaba por un cemiteiro ollou unha lápida que puña: “Aquí yace el que nunca tembló”. O mozo non o dubidou un momento, e escribeu debaixo: “Porque no se examinó”. O ritual consistía en bater coa cabeza contra a figura do personaxe de pedra axoenllado, na cara interna do parteluz do Pórtico da Gloria, que parece ollar para o altar en actitude de orar. A tradición identifícao co Mestre Mateo, de quen se di que foi castigado pola súa runfadela a permanecer de costas á súa obra, privado do pracer de contemplala. Unha variante, polo tanto, de suplicio de Tántalo en versión cristiá resituado no marco referencial da estética. Practicaban este rito dstinado a mellorar a memoria, indispensable para superar exitosamente os exames, non só os estudantes universitarios senón tamén os do bachalerato, picheleiros de pro. Granell tamén se resolveu a recorrer a este expedente académico de urxencia en repetidas ocasións. E sinalaba que o ritual resultaba bastante doloroso posto que todos daban en creer a machamartillo que canto máis rexo fose o croque da fronte do solicitante contra a testa de pedra, maior sería o grado de lucidez e memoria que obtería. Pero aínda o ideal era engadir a esta cerimonia algunha outra como reforzo. A cuestión, como salientaba Granell, no caso dos estudantes consistía en tragar unha presada de pasas no intre de impetrar a melloría da memoria ao mesmo tempo que daba o croque. E pensábase que a solicitude tería máis éxito se coas pasas tragaban os rabos. Non ten isto nada de particular, pois estaba moi espalla da a crenza popular en que os rabos das pasas tiñan tan portentoso efecto. Hai mesmo un refrán que da conta cristalizada dela. O reproduce en catalán José Enrique Campillo Álvarez, na súa obra ‘Alimentación: Ciencia, tradición y salud’: ‘Si no tens memoria, menja rabos de pansa’. Agora ben, polo visto, non era a citada a única tradición practicada polos estudantes. O fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, confesaba que nos seus tempos de estudante en Compostela, acudía cos seus compañeiros de clase a darense todos croques contra o Santo da catedral para que: “Nos ayudaba a depertarnos de la resaca”. En derradeira intancia, o asunto non era tampouco tan distinto. No fondo, tratábase de recuperar a lucidez para ter a mente esperta e en boa forma. Infortunadamente, hoxendía o cabido xa non pemite os ásperos pero benéficos croques, que tanto ilustraban aos mozos sobre a condición da vida que lles agardaba: nada se obtén sen mancarse cando menos un chisco. Na eterna procura dun remedio terán que reemprazar o auxilio do templo co da botica.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 31/07/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario