martes, 15 de septiembre de 2009

Tempo de Vendimas

Achegámonos á exaltante época das vendimas e castañeiras, aínda que o bo tempo reinante anima ós cidadáns a regalarse aínda con xelados. Neste período de entretempo, Manolo, que a diario se achega á parte vella de Santiago onde no verán atende nun posto de xelados, e logo no outono transporta ata alí a recoñecible locomotora negra na que asa as castañas, está feito un mar de dúbidas: sabe que se sae co carriño dos xelados e o tempo se pon nubrado, haberá quen lle diga: -Pero home, ¿que fas vendendo xelados cando tiñas que estar xa a vender castañas?. Pero si sae coas castañas, e asoma o sol, moitos llo van reprochar tamén: -Pero home, moito te apuras a despachar as castañas, ¿non te dás conta de que a xente aínda quere os xelados?. Nunca foi doado conseguir compracer ao público.
A vendima que axiña se realizará por toda Galicia, faise polo regular hoxe dun modo moi axeitado. Non era así a cousa antano, xa que eran abondosas as malas prácticas tanto na recollida do froito nas viñas como no posterior tratamento no lagar.
Consignábase, ademais, unha deficiencia moi habitual na maioría das comarcas vitícolas, que non era precisamente grao de anís: a falla de limpeza que se erixía en achaque común que afectaba ás adegas e lagares de antano, dun xeito xeral, o que diviña en «poderosa causa de enfermedades del vino», segundo apuntaba Federico Vañó, en La crisis del vino (1899). Deste xeito, a fins do século XIX, o citado especialista censuraba a pésima estadia nos lagares da uva destinada ao “estrujamiento.
O pisado das uvas adoitaban realizalo os vendimadores –polo xeral mozos ou mesmo nenos- cos pés espidos. García Barros ("Ken Keirades") apunta en Dos meus recordos, que para o desempeño de tal mester, os homes remangaban as cirolas, erguéndoas ata a crus, e subían así ata dispositivo de madeira disposto sobre o barril, coma un predicador ó púlpito. Máis serodiamente, remangaban os pantalóns ou mesmo se puñan en calzóns. Unha estampa literaria oteriana descrebe o pisado das uvas na cuba, ou na moxega, realizada por un mozo “con piernas de perdiz ensuciadas de mosto”.
A mediados do século XIX, o químico Antonio Casares expresaba as súas reservas verbo do xeito en que se efectuaba o pisado das uvas; parecíalle que por moito que se esforzaran as persoas que estruxaban as uvas era imposible que conseguísen apreixar ben todos os acios. “Ademas no tiene nada de limpio este trabajo”, puntualizaba. Na peza teatral A Lagarada, o mozo que pisa as uvas na moxega sae para coller un pano amarelo, que deixara unha moza no tarabelo da porta dunha corte, e cando olla que ven o amo torna novamente á pisa sen a precaución de lavar os pes, por suposto. Na casa do tío del escritor Carlos Casares, en Beiro, nos anos cincuenta, sendo un neno ollaba aos paisanos “cos pantalóns refucidos por riba dos xeonllos e descalzos” dispostos a pisar as uvas. Chamáballe a atención a: “(...) roña negra que tiñan algúns daqueles homes arredor dos nocelos e nos pés”. O seu tío tranquilizouno explicándolle que a fermentación do viño facía desaparecer toda aquela porcaría.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 11/09/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario