domingo, 25 de abril de 2010

Dieta Galega e Poboación

A dieta tradicional de Galicia permitiu manter un volume de poboación moi elevado, e fixo posible a súa mantenza en condicións razoablemente satisfactorias, cunha estatura, envergadura física e esperanza de vida equiparables ó promedio do conxunto de España, iso sí, dentro dunha liña de austeridade, e a pesares de que un forte contixente de habitantes tivo que emigrar en masa cara América. Un índice revelador das virtualidades da dieta atlántica ben dado polo continxente de poboación que conseguíu manter. Este foi tradicionalmente moi elevado, e a o seu peso proporcional no conxunto da poboación de España resultó moi notable. No século XVI a poboación en Galicia mostra unha tendencia ao crecemento. En 1533, a poboación estimábase en 330.000 persoas. A fins do século XVI, tiña perto de 630.000 habitantes. Nestes últimos dous séculos Galicia experimenta, de xeito relativamente precoz, o ciclo demográfico moderno que caracterizou a Europa Occidental. A poboación medra en cifras absolutas de xeito moi importante; a esperanza de vida -maior no caso das mulleres- pasa de valores comprendidos entre os 25-35 anos a 70-80; o número de fillos por muller casada descende de 4 ou 5 a menos de 2; a natalidade e a mortalidade descenden de valores situados entre 30 e 40 o/oo a arredor do 10 o/oo. As tasas de mortalidade e natalidade de Galicia resultaron dende 1860 ata 1991 decote máis baixas que as do promedio español e asimesmo que as de Europa centro-oriental. Polo demais, a comezos do século XIX o volume poboacional de Galicia era francamente elevado. Noustante, a súa participación relativa no conxunto de poboación española non cesou de descer década tras década ata os nosos días. A poboación galega medrou de xeito continuo a razón dun promedio de 9.000 habitantes por ano. Agora ben, a partir de 1950 se produce un claro cambio de ciclo demográfico, rexistrándose unha perda de poboación que no se corrixe ata a década de 1980. Deste xeito, a poboación galega perdeu posicións na segunda metade do século XX verbo da súa situación relativa na primeira metade de dito século.
A importancia que tivo en Galicia o fenómeno migratorio, orientado tanto cara a outras zonas da Península Ibérica, como a América e aos países europeos alén dos Pirineus, non refuta a virtualidade demostrada pola dieta atlántica para conseguir manter un alto volume de poboación. Na enxurrada migratoria influiron elementos causais tales como a inxusta distribución da renda, a precariedade das vías de comunicación e mailos transportes, amén das arcaicas estructuras de comercialización que dificultaron a chegada do peixe, marisco, verduras, produtos hortofrutícolas, e o viño, a bo prezo, ata os consumidores asentados en núcleos de poboación moi ciscados polo territorio; e tamén a outros factores semellantes. Polo demais, a emigración non é concibida hoxe polas ciencias sociais como un fracaso dun sistema produtivo, senón dun xeito máis complexo: foi sobre todo o resultado da procura de diversificación de riscos e de obtención de recursos complementarios (remesas) que afortalaron, máis que disolveron, o caínzo socioeconómico tradicional do país.
(Publicado no xornal Galicia Hoxe, 23/04/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada