lunes, 28 de febrero de 2011

Historia do Café (III)

Frecuentaban o café os burgueses e os membros da clase media. A medida que se foi producindo unha certa melloría do nivel de vida do proletariado foi posible o seu acceso ao café. En concreto, constátase a presenza de traballadores cualificados en España, na década de 1880. No canto de acudir á taberna, preferían acudir en particular ao ‘cafetín’ ou o café económico. Esta práctica formou parte quizais da pretensión que tiña a elite do proletariado máis arribista de incorporarse ás filas mesocráticas. Convén precisar que a terminología a este respecto non sempre é clara, posto que ás veces a voz ‘cafetín’, ou o sinxelo nome de café, outorgábaselle a tabernas con certas pretensións e que nalgúns caso revestíanse dun aspecto máis moderno.
O café desempeñou un papel eminente no artellamento da sociabilidade burguesa. A decoración e o mobiliario destes establecementos axústase aos parámetros do gusto burgués. Nos mellores existía unha clara preocupación polo luxo e quizá tamén pola hixiene e a salubridade: de aí que os teitos fosen altos (como adoitaban ser tamén os dos domicilios acomodados) e pretendíase que estivesen ben ventilados (aínda que non resultaba doado liberalos do espeso neboeiro provocado polo fume do tabaco). Por esta razón dispuñan de escupideras e lavabos (que non tiñan as tabernas). Nos primeiros tempos o mobiliario dos cafés non foi gran cousa. Como refería Monlau, En Madrid, houbo que agardar ata mediados do século XIX para ver que se producían melloras nos locais e no mobiliario dos cafés máis esmerados. Daquela, os cafés empezaron a ofrecer maior confort que as vivendas, tanto en mobiliario (veladores de marmol, diván de gutapercha ou veludo), como en decoración (estucos, dourados, espellos, cortinóns) e iluminación. Segundo Ramón Gómez de la Serna: "Una gran sociedad de gente distinguida llenaba los cafés porque entonces el café era muy superior en comodidades, luz y grandeza a la casa". Porén, calefacción non adoitaban ter (aínda hoxendía cantas luxosas cafeterías carecen dela) pero a “calor humana” suplíaa, nalgunha medida. En efecto, o único que funxía como modesta calefacción na cripta do Pombo –inmortalizada por Gutiérrez-Solana- eran as lámpadas de gas, que aínda que era pouca cousa, a súa cálida luz recordaba polo menos: “el dulce e ideal calor de las camillas”, áinda que non era moi axustada a comparanza, ó ser tan reducidas e herméticas.
Foi ao promediar o século XIX, cando algúns dos mellores cafés de Madrid adoptaron a iluminación por medio do gas, máis intensa que a tradicional de aceite, petroleo, etc. Ainda que isto non agradó a algúns hixienistas como Monlau, por parecerlle “sofocante” e insano o gas. Así, o café Pombo estaba iluminado con luz de gas, que encantaba a Gómez de la Serna. As lámpadas de gas que lucían no Pombo parecíanlle agradables e fermosas; en efecto, por mor do movemento da lapa, semellaban ós seus ollos brancas cacatúas que se abaneaban sobre un trapecio de cobre. Deste xeito, tiña a impresión de que a súa luz era expresiva e mol.
(Publicado en Galicia Hoxe, 25/02/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario