sábado, 11 de junio de 2011

A MILI PARA BEN E PARA MAL

O servizo militar adoitaba ser un motivo de conflicto. As "quintas" era un tema de grave preocupación social nun tempo marcado por guerras coloniais no que facer o servizo supuña en moitos casos perder a vida na guerra. Incrementaba ademais o enconamento entre as clases sociais xa que os ricos podían substraerse o servizo pagándolle a un substituto. Esta problemática proía na conciencia popular, do que da conta esta cantiga: “Vamos indo, vamos indo / par’ó servicio d’ó Rey; / os ricos, quedan n-a terra, / eu como son probe, irei”.
A opinión de esquerdas tildaba moitas veces o servizo militar como "imposto de sangue" que gravaba discriminatoriamente ás clases populares. Pola contra, nos medios dereitistas púñase a énfase nunha consideración deferente para cos mozos de boa familia, aos que non había que infrixir un sufrimento innecesario. En efecto, o Conde de Romanones fíxose eco, en ‘El ejército y la política’ (1921), do argumento dos partidarios da redención “a metálico”: aducían que os fillos das clases acomodadas non podían estar cos quintos procedentes dos sectores populares nos cuarteis ordinarios, onde as condicións hixiénicas eran francamente deficientes, tiñan que compartir leito, etc. Os mozos do común non tiñan problema para aturaren isto, ao estaren moi afeitos as condicións de vida penosas, pero en cambio os señoritos sufrirían moito máis, ao non estaren acostumados a tales penalidades.
Entre os pobres que non podían redimirse, non eran poucos os que fuxían a América. Pero no sistema de sorteo vixente o feito de que algúns marcharan implicaba que os que quedaban tiñan inevitablemente máis probabilidades de que lles tocase a eles "ir o servizo". Deste xeito, entre as familias das aldeas existía unha vixiancia recíproca e unha atmosfera de receo e desconfianza que deterioraba a convivencia veciñal. E ás veces, mesmo se recurría a delación do mozo que preparaba unha fuga.
Por outra banda, constitúe un feito ben coñecido que o servizo militar tivo un beneficio indirecto para os reclutas analfabetos ou escasamente escolarizados, que melloraron as súas habilidades en lectoescritura no cuartel. Pero é menos sabido que tamén a mili promocionou as capacidades musicais dos quintos que xa tiñan algunha instrucción ao respeito. Aínda nos anos anos cincuenta había no medio rural agrupacións musicais cuxos compoñentes eran labregos que ensaiaban pola noite, despois da realizaren as faenas do campo. Cando tiñan que realizar o servicio militar preguntábaselles aos reclutas se tiñan algún oficio ou ben aptitude e afeición á música, e isto verificábase. Deste xeito, ofrecíaselles aos mozos que sabían tocar algo a oportunidade de poñer en práctica os seus rudimentarios coñecementos e ademais dábaselles certa instrución musical, de tal xeito que no transcurso da mili todos conseguían unha melloría notable das súas competencias musicais. En cada banda popular de música había sempre varios intérpretes que obtiveran a súa formación durante o servicio militar e grazas a eles íanse formando os novos membros debutantes.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 10/06/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario