domingo, 5 de junio de 2011

UN GHATO É UN BICHO

Pódese conxecturar que un risco do carácter do paisano galego, cando a cultura campesiña experimentaba a súa época de plenitude, fora a concepción da virilidade asociada á valentía, á coraxe. Un home enteiro non podía expresar temor e menos aínda parecer medorento. E tampouco engurrarse nun desafío, aínda que afrontalo resultara manifestamente imprudente, arriscado, ou mesmo gravemente prexudicial para os seus propios intereses. Refire un caso Santiago Nogueira, nas súas memorias. Aconteceu que houbo un construtor, que ao mesmo tempo era edil da corporación municipal, que tiña sona en toda a circunscrición de ter un carácter prepotente e un obrar de home provocador e proclive ás liortas. Este suxeito construíu un chalé ao que se accedía por un camiño público, que reformou aumentando desproporcionadamente o peralte nunha determinada curva na que se ubicaba o domicilio da familia Carreira. Esta actuación provocou a acumulación excesiva da auga da choiva, que entraba na casa dos Carreira, asolagando a planta baixa e mailos cortellos. Deste xeito, cando o vello Carreira e o construtor se atoparon na taberna de Dombodán foi inevitable que mantiveran unha forte discusión, co cal a tensión que xa había entre eles non fixo máis que medrar. Daquela, o construtor ameazou de morte ao vello e mesmo chegou a arrimarlle un coitelo á barriga. O sangue non chegou ao río, mais cando pouco tempo despois, Agapito, o fillo do Carreira, torno a casa co gando que estivera apacentando, ao ver o estropicio que fixeran as augas, botou man á escopeta que gardaba no sobrado e, cando pasou o construtor polo camiño, encirrado polo pai, pegoulle dos tiros e deixouno alí morto. No xuízo contra ambos os inculpados, o avogado pretendeu invocar como atenuante, o medo, senón insuperable, polo menos notable, para explicar a conduta dos homicidas. Con tal propósito incitou ao vello Carreira neste senso, preguntándolle: -“A ver, explíquele al Tribunal lo que pasó con el que luego fue vícitma, en la taberna de Dombodán”. O vello Carreira lanzouse a referir os feitos con ardentía: “-Insultoume, púxome contra a barriga un coitelo e díxome: -Heiche queimar os collóns con bencina!”. O avogado viu entón chegada a ocasión propicia para encirralo a que alegara a xustificación do medo, e así foi como llo suxeriu: -“Y claro, usted tuvo miedo en aquel momento y después”. Pero o vello Carreira, en vez de aproveitar a ocasión para atenuar a súa responsabilidade, botou o peito para adiante, os brazos para atrás, e declarou: -“¿Quen, eu?”-Díxenlle-: -“Pois aquí me tes, que no me aguantas nin media hostia!”. O avogado quedou abraiado vendo como a xustificación, senón coartada, do medo como eximente, o polo menos como mediana explicación, quedaba esvaecida. E claro, a sentenza foi durísima. O paisano non era parvo e tiña que saber que o seu xesto podíalle custar caro. Pero era un home enteiro, e non podía quedar deshonrado na súa autoesixencia de comportarse en calquera circunstancia como un varón rexo. Xa se sabe que un home é un home e un ghato un bicho.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 02/06/2011))

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada