domingo, 5 de junio de 2011

O CAFÉ DERBY E VALLE-INCLÁN

O DERBY foi o paradigma do espazo burgués requintado e a expresión lograda da elegancia mundana capaz de satisfacer cumpridamente as esixencias de distinción e finura da clientela máis exquisita, integrada por artistas e dandis. E tamén da máis rexoubeadora: os seus grandes ventanais, estratexicamente situados en dobre vertente, que dun lado se abrían á Praza de Galicia e do outro á rúa das Orfas, ofrecían un ángulo de visión excelente, polo que constituían o lugar perfecto para mostrarse e ver pasar o trasfegar da xente. Ademais, na parte superior das xanelas campaban artísticos vitrais enchumbados. Causa verdadeiramente admiración constatar o celo co que o propietario coidou ata os detalles máis nimios do local. O zócalo era de madeira de caoba traída de Cuba. Na decoración interior colaboraron distinguidos artistas da cidade. Camilo Díaz Valiño foi o encargado de engalanar con pinturas murais e algúns tapices determinadas franxas das paredes do local. Fixéronse instalar un orixinais colgadoiros metálicos de niquelada aparencia, deseñados polo inventor do futbolín, Ale- xandre Finisterre. Había unha ampla e impoñente barra, revestida con lousas de mármore italiano. Semellaron así mesmo moi innovadoras no deseño as fermosas mesas italianas repartidas polo establecemento. Por certo que o Derby foi pioneiro en poñer manteis enriba das súas elegantes mesas. Amén de todo o anterior, este café foi un dos primeiros santiagueses nos que se puido escoitar o futurista son do vapor a presión saído das primeiras cafeteiras expres, que representaron un salto cualitativo na historia da degustación da infusión do grao de café moído que logrou desbancar a paixón hispana pola bebida de chocolate.
Valle-Inclán acabou por preferir o Derby, pero antes diso era ao Café Español ao que acudía diariamente, e así gustou de facer durante unha etapa. Pola mañá adoitaba tomar a guisa de almorzo un 'porto flick', un ponche elaborado con viño de Oporto e xema de ovo, que acompañaba con dúas sabedeiras pastas da confeitería Mora, que eran as súas preferidas. Cando Valle-Inclán resideu en Santiago comezou por frecuentar a tertulia do Café Español, máis non acougou moito nela -segundo refire Arturo Cuadrado- porque non lle resultaba doado espraiarse como lle gustaba. Neste faladoiro era un máis dos asistentes e deixou de acudir porque non se lle concedía o papel protagonístico que coidaba merecer, e que adoitaba ter. Polo regular, Valle-Inclán tras acudir ao café, paseaba polas rúas ou ben pola Ferradura, e un pouco máis tarde recollíase para repousar no sanatorio do doutor Villar Iglesias, onde tiña un amplo e solloso cuarto. Dise que cando daba un dos seus paseos por unha rúa moi estreitiña, atopou de fronte un botarate que lle tiña xenreira. O señor en cuestión plantouse no medio e medio da beirarrúa, e apostrofoulle con runfadela: -Eu non cedo o paso a un pisaverdes como vostede! Don Ramón puxo un pé na rúa e facéndolle unha obsequiosa reverencia, retrucou: -Pois eu si.
(Artigo publicado en El Correo Gallego, 01/106/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario