sábado, 18 de junio de 2011

Nenos Larpeiros

Antano, a preocupación polos nenos non era tanta, pois eran abondosos (as familias adoitaban ter un promedio de catro fillos) e a sensibilidade dos pais respecto deles era distinta. Con todo, facíase algún esforzo para asegurar a supervivencia dos nenos, manténdoos da mellor maneira posible. Entendíase que había que protexelos tamén espiritualmente, e dun xeito máis acentuado pois sabíase que eran máis vulnerables aos maleficios. O sal, combinado co allo, funcionaba como un talismán para protexer ós nenos fronte as bruxas, para que non quedasen entangarañados, por exemplo.
No medio rural, non existía propiamente unha alimentación infantil. Deste xeito, a alimentación dos cativos era basicamente a mesma que a dos adultos, mesmo xa nos primeiros anos da vida, pero lixeiramente adaptada e con algunhas particularidades. Os nenos pertencentes a familias modestas destetábanse con papas de millo, en tanto que nas clases acomodadas do medio rural as papas eran de sémola, de fariña lacteada e de ‘maicena’.
En numerosas ocasións, en vez de papas de millo normais, os nenos pequenos tomaban papas de óleo, que se facían coa primeira fariña que saía da roda do muíño, que era a máis fina, disolvéndoa en leite. Para os nenos máis pequechos rebaixábase cunha pouca auga. Por parte, os pais máis prudentes eran conscientes de que non lles debían botar sal ás papillas, pois pensaban que non lles conviña antes dos seis anos. Pilar Comín recomendaba na ‘Enciclopedia de el hogar feliz’ (1962) que para conseguir unha boa alimentación dos bebés de poucos meses conviña botar nas papillas lacteadas dúas culleradiñas de azucre.
A maior abundamento, antes de que rematara de madurar o maínzo xa os nenos tiñan a posibilidade de gozar dalgunhas mazarocas. En efecto, permitíaselle aos cativos cortar algunhas tenras espigas de millo, que posuían un gusto doce, para comelas asadas. Refire Xosé Alvilares no seu ‘Memorial de agravios’ que na aldea de Axulfe, en terras de Chantada, no tempo da República, había unha escola recen creada e “mentres esperabamos nunha cabana cerca do pobo –a ‘chousa del Cornello’- a chegada da mestra, un rapazote asaba espigas de millo moi tenras aínda”. Nos anos corenta, a saída das clases do Instituto masculino de Compostela, que estaba situado na Praza de Mazarelos, nun antigo edificio de pedra que pertencera aos xesuítas, algúns rapaces dirixíanse cara algunha das numerosas leiras que había polo Monte da Condesa, co propósito de apañar tres ou catro patacas: “Alí mesmo, entre pedras e plantándolle lume a catro garabullos, asabámolas. Sabíannos a gloria. Outras tardes, co mesmo método, asabamos mazarocas de millo serodio”.
Nos postos ambulantes ou fixos que vendían lambetadas e outras cousas, os nenos mercaban erbellacas, ás que os vendedores de afóra chamaban algarrobas. Así o recordaba o doutor Pintos: “Inda que a Intendencia traía tales froitos para os cabalos, tamén se vendían nas rúas. A min gustábame mordelas e chuchar nelas. Doces, cunhas sementes que semellaban pelouros, podíanse mastigar durante un bo anaco. Gustábanme máis que un caramelo”.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 17/06/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario