martes, 17 de agosto de 2010

Costume da Covada e Discriminación da Muller

O xeógrafo grego Estrabón describe a tradición da covada, relacionándoa coa herdanza materna, como un costume habitual nos pobos do Norte de España. Existen indicios históricos que testemuñan a vixencia de tal práctica en toda esta area, do xeito en que foi descrita por Estrabón ou dalgunha outra maneira, ata comezos do século XX. Na miña practica docente na Escola de Maxisterio de Ourense, tiven ocasión de constatar que algúns mestres de certa idade tiñan coñecemento de que a covada aínda se verificaba nalgunhas aldeas. Ademais, a investigación histórica puxo en evidencia que a covada era usual así mesmo en outras moitas partes de Europa.

Vexámos en que consiste. Un autor vasco do século XIX, Zamácola, apuntaba o seguinte: “Estas mujeres, apenas parían, se levantaban de la cama, mientras el marido se metía en ella con el chiquillo (…), porque era un deber de la naturaleza y una costumbre entre los bascos, que el primer sudor o abrigo que recibiera el niño fuese el de su padre, para identificarlo con los humores y espíritu de sus genitores”. Na enquisa levada a cabo polo Ateneo de Madrid, en 1901, constátase que a covada continuaba practicándose naquel momento en varias rexións peninsulares. Caro Baroja recolle un testemuño que indica expresamente que a covada consistía: “en acostarse el padre con el hijo recién nacido, y en dejarse cuidar con mimo, como si él fuera, ciertamente, quien ‘salió del cuidado’. De engádega, inscrita na práctica da covada, ou relacionada con ela, existía o costume de que, tras o parto da súa muller, o marido fose quen se beneficiase dos alimentos con que se adoitaba obsequiar ás paridas a fin de favorecer o seu pronto restablecemento: a ola de viño, o chocolate, a galiña, etc. En efecto, en Bembibre: “El padre, durante los primeros días y para justificar su personalidad cuida la cocina y puchero, y ayuda a la mujer a comer la ‘visita’, que así se llama el obligado regalo de las amigas y vecinas que consiste en gallinas, huevos, chocolate, manteca, etc.”. Ítem máis: un informe referido aos pobos da diócese de Jaca sinalaba que neles era unicamente o pai quen comía a galiña que se fixera ferver para facer o caldo dado á nai. Caro Baroja considera que o costume da covada ben podería ter servido para subliñar a idea da participación do home, o seu papel, no acto da procreación. Opina que pode ter diversos significados, tanto podería considerarse como unha sorte de acto xurídico como dun procedemento de índole máxica. O feito de quel marido faga o mesmo que a súa muller, que simule o parto, e que se beneficie do suplemento alimentario característico do posparto, pode servir para subliñar o dereito paterno sobre o naipelo. En contra desta interpretación que podería suxerir unha impronta patriarcal da sociedade (que é a que nos nosos días goza de maior aprobación) tamén se sinalou que o home con tal representación pretendía atraer sobre a súa persoa os malos espíritos que poderían cernerse sobre a súa muller cando se achaba un un momento especialmente vulnerable. Esta eséxese militaría a prol da tese matriarcal.

(Publicado en Galicia Hoxe, 13/08/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada