lunes, 9 de agosto de 2010

Festas Gastronómicas Populares 3

Nas festas gastronómicas populares, que inzan o país de ledicia, nomeadamente no verán, resulta alentador ollar que cada vez se repara máis na mellora da gastronomía e na procura dunhas condicións máis refinadas e gratas de degustación, o que significa un avance da cultura. Xa non é só a exaltación básica do «produto». Nalgo melloramos! Nalgúns casos a festa levou consigo o rescate dunha tradición xa perdida, recuperándose con acerto determinados aspectos etnológicos e folclóricos que abarcan todo un proceso, como sucede no caso do millo corvo, que se promociona na aldea de Meiro (en Bueu), onde se cultiva con arranxo ao xeito tradicional, seméntase, colléitase, moése nun muíño de auga, e os nenos da escola poden coñecer moi de perto todo o ciclo. Despois cócense en forno de leña as empanadas, bicas e o pan de millo, que de certo compracerían a Cunqueiro, que tivo a ben frecuentar as terras da península Morrazo. Agora ben, tamén é certo que –falando agora en termos xerais-, poderíase facer máis pola mellora do proceso -por exemplo, cultivalo de xeito máis ecolóxico-, da comercialización, seleccionando ben o artigo e presentándoo adecuadamente e non de calquera xeito, dando plena seguridade ao consumidor da súa pureza de produto da Terra ou do mar, e garantindo que pertence a tal zona en particular e que se obtivo mediante técnicas e procedementos artesanais. Ao cabo, trátase tamén de que non quede todo nun día de fastos.

Semella non ser un exercicio de crítica gratuíta sinalar algúns aspectos que resultan obxectables das festas, e que conviría evitar ou atenuar. Un supoñer, a masificación excesiva que non poucas veces se rexistra e que deteriora tanto tanto a bondade do condumio ofertado como á calidade da atención (dificultando o necesario sosego co que convén realizar o ágape). Pódese barruntar tamén que o feito de prestar atención preferente a un alimento ou a unha fórmula culinaria tradicional tivo un prezo. En certa medida, pasouse da festa do santo patrón á festa do produto santificado. Esta actitude conservadora, e en boa parte mitificadora, é posible que contribuira a inhibir e retardar o impulso creativo no terreo da culinaria galega, cuxa pulsión modernizadora eclosionou cun sensible retardo en relación coa catalá ou á vasca.

Estas festas poñen de manifesto ademais unha moral epicureista carente de espírito de solidariedade. Poderían establecer prezos especiais para os desempregados e a xente necesitada. Tampouco estaría mal que fixesen gala de xenerosa probidade achegando unha porcentaxe do beneficio obtido a algunha ONG de axuda humanitaria que loite contra o fame no mundo. Ao cabo, rexístranse nalgunhas delas aspectos sexistas que convén desterrar: son as mulleres as que fan de cociñeiras de batalla (en prolongación co que sucedeu tradicionalmente coas festas familiares do patrón da parroquia) ademais de desempeñar os labores inherentes aos preparativos, e as tarefas de limpeza e recollida, en especial cando a organización non pode contratar equipos profesionais especializados.

(Publicado en Galicia Hoxe, 16/07/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario