sábado, 12 de febrero de 2011

Historia do Café (I)

A diferenza da taberna, o café se constituíu como una ámbito de sociabilidade exclusivamente urbano. No século XVIII o café eríxese nun relevante centro de reunión, de tertulia política e literaria. Remontándonos ás orixes, constátase a existencia de cafés no mundo árabe, na Meca e en El Cairo, xa no século XVI, e algo máis serodiamente en Constantinopla. No mundo occidental o café xorde a mediados do século XVII, sendo pioneiras Gran Bretaña e Francia. Foi no ámbito anglosaxón onde o café fixo por primeira vez a súa aparición en Europeo. Semella que o primeiro café comercial abríuse en Oxford no ano 1650, e no breve prazo de dous anos despois abreuse outro máis en Londres. De deseguida foron proliferando novos locais que tiñan un certo cuño identitario como nota característica. En efecto, os distintos públicos, pertencentes na súa maior parte aos sectores acomodados, adoitaban frecuentar diferentes establecementos. Deste xeito, os comerciantes vencellados ás compañías de Indias Occidentais, Orientais e Rusia, acudían en especial aos cafés ‘Jamaica’, ‘Jerusalén’ e ‘Báltico’. As liñas divisorias establecidas pola política posuían tamén relevancia: os políticos ‘whigs’ discutían os seus asuntos no café St. James. E mesmo tamén importaba o factor étnico: os escoceses gustaban de frecuentar o ‘Británico’; e asemade o socio-laboral: os clérigos tiñan predilección polo “Coca tree”, en tanto que os actores enchían o ‘Bedford’. Polo demais, o ‘Lloyd’s’, fundado en 1689, congregaba aos fletadores e aseguradores vencellados ao comercio marítimo; tanto é así que no seu cuarto traseiro era posible asegurar as mercadorías con destino ás Indias, e así foi como se transformou na importante compañía aseguradora que ostenta o seu nome.
Nos primeiros tempos, os cafés eran locais relativamente austeros, constituídos por unha única peza que dispuña dunha barra nun extremo, donde polo regular unha muller distribuía café ou ben o té en pequenas fontes. Tamén se ofrecía coñac, que ao parecer que gozaba de maior favor do público. Os camareiros encargábanse de atender os pedidos e ofrecíanlle gratuitamente á clientela xornais de diferentes cabeceiras. Os cafés cumprían un importante papel na interacción social: moitos acudían a eles para obteren novas e informacións relevantes. Os novos establecementos espertaron o receo do poder político e, deste xeito, ao remate do século XVII, tanto os cafés como as cervexarías inglesas foron perseguidas como focos de sedición e subversión.
Os literatos e escritores ingleses do século XVII fixeron dos cafés os seus centros preferentes de xuntanza tanto na capital como nas cidades provinciás. Certos cafés evolucionaron ata convertírense en espacios restrinxidos, dando orixe aos característicos clubs da City, como o ‘Kit-Kat’, o ‘October club’, e o ‘Beefstak club’, nos que, como indicaban os testemuños da época, “uno podía emborracharse entre personas de su misma clase social”.
Polo que respeita a Francia, o primeiro café fixo a súa aparición na cidade portuaria de Marsella, no ano 1654. Pero foi o ‘Café de Procopio’ quen ostentou a maior gloria do café.

(Publicado en Galicia Hoxe, 11/02/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario