sábado, 19 de febrero de 2011

Historia do Café (II)

O parisino ‘Café Procope’ (fundado, en 1686, polo siciliano Francesco Procopio) estaba situado nunha estratéxica zona céntrica de París (onde, para fortuna do propietario, se creou moi logo a ‘Comédie Française’), e axiña atraeu ás xentes vencelladas ao teatro e á cultura (os filósofos Condorcet, Voltaire e Diderot honraron o local coa súa presenza), o que constituíu un indubidable atractivo para outro tipo de clientela. Durante os días da Revolución, foi no Procope onde o gorro frixio, símbolo da Liberdade, fixo a súa aparición por primeira vez, e neste café peroraron os ‘Cordeliers’ Robespierre, Danton e Marat. Na época da Restauración, xa ben entrada (en 1820) repuña forzas neste café o célebre viaxeiro e investigador Alexander von Humboldt. Nel facían tertulia escritores do século XIX, como Alfredo de Musset, e a brava lionne e amante de Chaupin, George Sand. Tamén acudía Anatole France, algúns notables filósofos, políticos reformistas, como Gambetta, e relevantes xornalistas, como M. Coquille, editor de ‘Le Monde’.
O local ofrecía unha decoración luxosa, con tapicerías, espellos e lámpadas de araña. Ítem máis: non só ofrecía café senón tamén bebidas destiladas e delicatessen como podían ser as froitas confitadas.
Nos primeiros momentos, dada a indeterminación social do café, algunhas mulleres frecuentaban o Procope, pero axiña se abstiveron de facelo. O Café Procope existe aínda actualmente, asumindo nomeadamente unha función de restaurante, cunha decoración ao estilo do século XVIII.
Polo demais, a expansión do café en Francia foi notable: en 1721 había en París 300 cafés, que pasaron a ser 2.000 na época da Revolución, e 4.000 na do Imperio.
Un dos primeiros cafés de Madrid foi a "Antigua botillería del Pombo", na rúa Carretas. Nas primeiras décadas do século XX, acollería o célebre faladoiro que presidía Ramón Gómez de la Serna. En moitos cafés a clientela cambiaba segundo as horas. Achega un exemplo Camilo José Cela, en ‘La colmena’. Escrebe alí que, no café da inefable dona Rosa, como na maioría: "o público da hora do café non é o mesmo que o público da hora da merenda, [...] a xente das tres da tarde non teñen que ver nada coa que chega dadas as sete e media".
Algunhas veces, despois do paseo, as mulleres acudían a certos cafés respectables coas súas familias.
Os inmobles nos que se instalaban os cafés adoitaban posuir unha certa distinción ou “carácter”. A decoración recibía un tratamento esmerado e os detalles coidábanse. Os mellores procuraban ter un halo de refinamento e elegancia. Caracterizábanse pola procura dun ambiente grato, en boa parte mediante recurso ao confort que procuraba o seu mobiliario e complementos: un percheiro con repisa para sombreiros, un paragüeiro, cuspideiras, veladores de marbre (aínda que foran lousas de sepulturas postas do revés, como as do café de ‘La Colmena’), cadeiras ou cando menos sillas decentes (e non bancos ou banquetas, como nas tabernas), ás veces diváns fixados á parede e forrados de gutapercha (como apunta Emilia Pardo Bazán) ou veludo, e tamén cortiniñas de encaixe nas xanelas.
(Publicado en Galicia Hoxe, 18/02/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada