miércoles, 9 de febrero de 2011

ALCOHOL E LITERATURA

Tanto a poesía como a prosa de Charles Baudelaire (ou unha mestura das dúas, pois este literato foi pioneiro na utilización da prosa poética) estan inzadas dos efectos oníricos que el mesmo describiu en ‘Los paraísos artificiales’. A dimensión temporal semella por veces quedar suspendida nunha vaga sensación de misteriosa eternidade. A propia fronteira divisoria que adoita establecerse entre o poeta e o contorno queda solitamente difuminada. Baudelaire cantou o “viño dos amantes” e fixo a loanza dos seus benéficos efectos sobre o espírito humano. Tamén experimentou co haxix e outras drogas pero a súa experiencia distou de ser enteiramente satisfactoria: resultoulle amarga a sinfonía do opio. A súa parcial decepción non foi moi distinta da que tamén sentiu Valle-Inclán, en especial no que concerne ao seu posible efecto como potenciador da creatividade. Baudelaire considerou que as obxeccións ao haxix non carecían de fundamentación seria, considerado o asunto nomeadamente dende o plano da ética e da relixión. Chegou a desaprobar claramente as drogas, como sinala Sadie Plant e, en 1847, atribuiu a súa falla de éxito literario tanto ao viño como ao láudano. Considerou especialmente negativa a influencia do haxix, que o abrumaba cunha desmaiada apatía, invadíndolle a sensación de que non pagaba a pena esforzarse en facer nada. En suma, parecíalle que coa droga non resultaba posible culminar unha obra artística esixente.
Porén, co viño mostrouse Baudelaire más complacente. Retrucou a invectiva de Thomas de Quincey contra esta substancia dionisíaca, alegando que “el vino realza la fuerza de voluntad”, namentres que o haxix a aniquila. E aínda engadíu que: “El vino acrecienta el vigor corporal, el hachís es un arma suicida. Uno es diligente, por decirlo asi; el otro, esencialmente indolente”. Consideraba polo demais que o viño é a substancia que simboliza a comuñón cristiá con Deus, e tiña tamén un efecto benéfico en tanto que favorecedor da relación social, a comuñón entre os seres humanos, función que lle atribuía asemade a cervexa.
Arthur Rimbaud, autor de ‘Le bateau ivre’, tivo a pretensión de “llegar a lo desconocido por medio del desorden de todos los sentidos”. O poeta tiña que emprender unha tortuosa senda de creación asumindo a perspectiva de ter que padecer graves tribulacións para perseverar no seu mester poético. E nesta procura a súa mente podía quedar iluminada por unha mestura de opio, hachís, viño e absenta.
Arthur Koestler optou por outorgarlle a súa confianza ao alcohol, no canto de camiñar pola senda das drogas. Sostiña que o alcohol “Le calienta a uno y le hace a uno estar más cerca de los demás”, o que non sucedía coas substancias psicoactivas, xa que: “Los hongos le hacen a uno dar vueltas por dentro, y hacerse sentir más próximo a sí mismo”; e aínda facía unha apostilla, non exenta dun chisco de ironía: “La noche anterior resolví el secreto del universo, pero ahora que es de día he olvidado cuál era”. Como tamén postulaba Baudelaire, semelláballe que aquelo era comprar a baixo prezo as propias ilusións.
(Publicado en Galicia Hoxe, 04/02/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada