domingo, 25 de abril de 2010

Sardiñas e Xentes do Mar

A sardiña desempeñou un papel primordial na dieta dos mariñeiros e ademais cumplíu outras relevantes funcións. Como sinalaba F. Camba, as sardiñas: “Eran, algunas veces, la sola comida de los pobres, y su grasa, tan pronto una medicina eficaz en el remedio de ciertos males, como, chirriando dentro de un candil, la luz en el triste tugurio de los marineros”. Porén, antigamente, entre as xentes dalgunha posición, como o informante, a sardiña e o peixe azul no seu conxunto, non merecía moita estimanza. Obedecía isto a diversas razóns: pensábase que non era un alimento particularmente saudable (descoñecíase aínda que era moi rico en omega 3) e tamén se tomaba en consideración o feito de que a súa dixestión podía resultar un pouco pesada: -Sabe bien, pero sabe demasiado tiempo bien, apostillaba con ironía Julio Camba.
Nos numerosos días nos que reinaba o mal tempo, e nomeadamente cando había temporal, os habitantes da costa tiñan que recorrer ao peixe ‘cecial’, seco, salgado, escabechado ou enlatado en conserva. Existe nas localidades do litoral una tradición de conservación do peixe de xeito artesanal. Na Pobra do Caramiñal había familias modestas que, na década de 1930, mercaban unha certa cantidade de peixe barato, como os xurelos, para “lañalos en sal”. Tamén os fritían e conservaban en escabeche e asi podían dispoñer deste alimento con facilidade no momento que cumprise. Ademais, como declaraba unha informante: “Las sardinas o los bucareus (anchoas) que se conservaban en salmuera también eran otro de los pescados más adquiridos por los habitantes de Pobra do Caramiñal”; logo introducíanos en barricas de madeira e deste xeito conseguían que se conservaran durante bastante tempo. Nos períodos nos que “non podían saír ao mar”, ao non poderen faenar os homes, unha fracción da clase mariñeira que vivía ao día, pasaba privacións Unha cantiga popular daba conta desta situación de penuria: “Cala, cala, miña nena, / témonos que conformar; / xa sabes que non é sempre / boa colleita no mar”.
Nos portos pesqueiros a situación alimentaria de moitas familias adoitaba ser moi sombría. Como tiña que ser para que se aludira a esta situación nunha etapa do ano na que todos querían festexar e esquecer as penas. Temos así constancia da existencia dunha copla de Entroido que se cantaba no Salnés, facendo referencia ás épocas nas que escaseba a sardiña: “É moi triste vir do mar / sen poder ganar / nin un patacón, / e pa decir a verdá / coa debilidá / cai o pantalón”. Claro que o drama podía sobrevir tanto por defecto como por exceso. Deste xeito, temos coñecemento de que cando a pesca dun recurso primordial como era a sardiña resultaba moi abondosa, os prezos caían na lonxa –o procedemento de venda á baixa, típico das lonxas, e os canles de comercialización decote foron moi desfavorables para os pescadores- e moitos mariñeiros non obtiñan nin sequera unha retribución que abondara para manter ás súas familias. O pintor Carlos Maside, coa súa aguda conciencia social, reflectiu esta problemática nunha viñeta publicada no xornal ‘El Pueblo Gallego’, na época da Segunda República: -A abundancia, para nós é fame”, viña a dicir, con aire sombrío, un mariñeiro de entón.
(Publicado no xornal Galicia Hoxe, 16/04/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario